publicidade hoxe

Música, deporte e medio ambiente na segunda edición do Laroucofest 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaltarOurense
A-
A+
Presentación de Laroucofest

Presentación de Laroucofest

O Laroucofest 2016, organizado pola Xuventude do Concello de Baltar e a Asociación de Mulleres Rurais da Raia, celebrarase os vindeiros días 8 e 9 de xullo no Concello de Baltar. Baixo o lema “En defensa da nosa Serra e o medioambiente”, esta segunda edición do Laroucofest, pretende sensibilizar sobre o gran problema dos incendios e outras circunstancias de índole medioambiental. Así o informaron na presentación que tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Baltar, Jose Antonio Feijóo; e membros da organización do Laroucofest, Noelia Campo e Daniel Ferreiro.

Rosendo Fernández destacou que se trata “dun dos festivais de referencia da provincia de Ourense, no que se citan concertos, feira de artesanía, foliadas, pero sobre todo, é un festival de sensibilización e respecto á natureza”. A Deputación de Ourense “sempre esta ao carón das iniciativas populares e da xuventude reivindicativa que o fai con celebracións que promocionan o respecto polo medio ambiente”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Nesta II edición do Laroucofest “queremos facer presente a catástrofe do ano pasado, por mor dos incendios, e facemos un guiño á Asociación Amigos do Larouco que son mozos sensibles ao tema do medio ambiente, e a través do festival pretendemos sensibilizar á xente cunha proxección audiovisual na que se emitirá o que sucedeu, porque o que queremos é que non volva pasar”, explicou Daniel Ferreiro.

O festival contará con actuacións de “grupos afamados porque cremos que facendo un festival de categoría chegaremos a ter un renome e se consolide así no tempo, para poder chegar a ser un referente no interior de Galicia”, asegurou Daniel Ferreiro. No festival participarán “aproximadamente 150 músicos”, afirmou Noelia Campo.

Pola súa banda, o alcalde de Baltar recoñeceu sentirse “privilexiado por contar cunha xuventude que sempre está axudando en calquera iniciativa” e engadiu, “este municipio, a pesar de ser pequeno, ten unha asombrosa participación cultural, que espero que se manteña no tempo”.

En canto ao programa de actividades organizadas para eses dous días de celebración está previsto para o venres, 8 de xullo, ás 19.30 horas, unha foliada con grupos tradicionais da zona, seguida, ás 22.30 horas, por concertos de entrada gratuíta, de Böj e de Anxo Lorenzo Band.

A segunda xornada, comeza o sábado, 9 de xullo ás 17.30 horas cunha foliada coa Banda de Gaitas de Baltar, As Xeitosiñas, e cun obradoiro infantil. Posteriormente, ás 20.00 horas, terá lugar a proxección audiovisual para “a sustentabilidade da Serra do Larouco: os incendios e as súas consecuencias”. Por último, ás 21.00 horas, de novo é tempo para a música, nesta ocasión a cargo de Tiruleque, Kepa Junquera e Festicultores Troupe, concertos todos eles gratuítos.

Ademais de música e cultura, no Laroucofest 2016, tamén hai un espazo dedicado ao deporte, coa celebración do 2º Encontro de Parapente na Serra do Larouco “para darlle recoñecemento a este deporte” asegurou Noelia Campo.

6 de xullo de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.