publicidade hoxe

A feira “Abanca Cimag-Gandagro 2017” terá lugar do 25 ao 28 de xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Reunión do comité organizador

Reunión do comité organizador

A II Feira de Maquinaria, Agricultura e Gandería “Abanca Cimag-GandAgro 2017” celebrarase do 25 ao 28 de xaneiro do vindeiro ano, tal e como decidiu esta mañá o seu comité organizador nunha reunión celebrada en Silleda á que asistiu a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. Na xuntanza de traballo tamén participou Susana Pedrosa Castillo, en representación da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, así como un equipo de traballo da Feira Internacional de Galicia Abanca encabezado polo seu director, Ricardo Durán.

No encontro participaron 25 destacadas entidades e empresas dos sectores da agricultura, gandería e maquinaria agrícola. Así, estiveron presentes representantes de asociacións como a ADS Porcina de Silleda, FEGAPOR, AGAFAC Asociación Galega de Fabricantes de Alimentos Compostos e a Federación Frisona Galega (Fefriga). E tamén as empresas Deltacinco, Ausama, Maxideza, Delaval Equipos, Forcar Cardelle, Rosber, Agrotec Entrecanales, Coren, Delagro, Hitraf, Talleres Jomabe, Imán, Agrícola Cacheda, Cogal, Mapfre Empresas Galicia, Maquinaria Agrícola del Noroeste, Abanca, Agapel, Agroamb Prodalt, etc. Desculparon a súa asistencia pero expresaron o seu interese en participar na organización do certame outras entidades e empresas.

Respaldo do sector

A directora xeral expresou o apoio da Xunta a esta feira, un respaldo que foi compartido polo resto de participantes. Todos deixaron patente a súa disposición a continuar impulsándoa na que será a segunda edición deste certame, creado da fusión de dous recoñecidos monográfico, de gandería e agricultura, GandAgro, e de maquinaria agrícola, Cimag. Esta feira supuxo en 2015 un éxito expositivo e de afluencia de público, con 168 expositores directos, preto de 400 firmas expositoras, e máis de 20.000 visitantes.

Os membros do comité abordaron diversos aspectos da súa comercialización e promoción, ademais de organizativos, como a fixación de data e ampliación de un día de feira, o mércores 25, para así os expositores poderen levar a cabo unha mellor atención aos profesionais e ao mesmo tempo dispor de máis xornadas para a programación e evitar o solapamento das diferentes e variadas xornadas técnicas.

Ao mesmo tempo, dende a dirección do certame destacouse a importante redución nas tarifas de espazo, cunha media superior ó 33 % con respecto a cando as feiras se celebraban por separado, o que supón un decidido apoio á ampliación da área expositiva.

Como continuidade a esta reunión programouse outra para finais de outubro na que se fará un seguimento da evolución da contratación e programación de actividades.

18 de xullo de 2016 | 18:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.