Uns 10.800 alumnos formáronse este curso nos oito programas do Plan Proxecta impulsados por Medio Ambiente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

Ao redor de 10.800 alumnos, procedentes de 193 centros galegos, formáronse ao longo deste curso nalgún dos oitos programas do Plan Proxecta impulsados pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Así o salientou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, durante a súa visita ao posto que a Consellería ten instalado na Feira internacional da Semana Verde de Silleda.

A conselleira considerou “fundamental” que o labor de sensibilización e concienciación ecolóxica comece “desde as idades máis temperás”, para conseguir que esta sexa “efectiva e duradeira”.

Por iso, os departamentos de Medio Ambiente e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria teñen establecido unha “colaboración fluída” para inculcar entre os máis novos os valores de respecto ao contorno e á paisaxe.

Grazas a esta cooperación, este curso implantouse por primeira vez a asignatura “Paisaxe e sustentabilidade” como materia de libre elección para secundaria e bacharelato. A isto súmanse os oito programas que se desenvolveron no marco do Plan Proxecta, dos que dous foron novos este curso: Protexe os animais, para concienciar sobre a protección dos animais domésticos; e Naturézate, para mellorar o coñecemento sobre o noso medio natural. Ao respecto, Mato indicou que onte mesmo, na Semana Verde, entregáronse os premios os mellores proxectos destes programas: o de Naturézate recaeu no CEIP Cervantes de Lugo; e o de Protexe os animais, no CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña.

Esta aposta por concienciar aos máis novos tamén se está a facer patente no programa de actividades que está a impulsar a Consellería nesta Feira da Semana Verde. En concreto, invitouse a preto de 300 nenos e nenas de distintos centros escolares –incluídos un centro e de educación especial e outro de Cogami- a participar en distintas actividades relacionadas co medio ambiente como Pescaprendo, que achega aos alumnos á pesca sen morte e ao comportamento dos peixes; o tiro con arco, que permite aos nenos e nenas desenvolver unha actividade en contacto coa natureza; e outros obradoiros relacionados cos ecosistemas, o coñecemento das aves, a caza ou a elaboración de cadernos de campo para tomar nota da biodiversidade galega.

Precisamente, a conselleira aproveitou a súa estadía na Feira para visitar aos grupos de alumnos que estaban participando esta mañá nas actividades de Pescaprendo e de tiro con arco.

Rede de parques naturais

Mato precisou que a presenza da Consellería de Medio Ambiente nesta feira ten un dobre obxectivo: por unha banda, contribuír á sensibilización social, especialmente entre os máis novos; e por outro, difundir e poñer en valor o patrimonio natural galego.

Con respecto a este último obxectivo, indicou que no posto do departamento autonómico estase a ofrecer información completa sobre os parques galegos e o patrimonio natural. Así, a conselleira lembrou que a recentemente creada Rede de Parques Naturais de Galicia, na que se inclúen os seis espazos galegos desta categoría, ocupa preto de 50.000 hectáreas. A estes enclaves, hai que sumarlles o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, con 8.500 hectáreas.

“Todos eles constitúen un dos grandes símbolos naturais da nosa comunidade”, subliñou e, por iso, o obxectivo da Xunta é establecer sinerxías para mellorar a conservación e posta en valor destes espazos. Para conseguilo, elaborouse un Plan de xestión desta rede de parques, que conta con 51 medidas. Nesta folla de ruta inclúense actuacións como a aposta pola accesibilidade nos parques; o fomento do emprego entre os colectivos máis vulnerables; actuacións de voluntariado; ou a creación de novos produtos ecoturísticos.

10 de xuño de 2016 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.