publicidade hoxe

Os Bolechas chegan a Noia e a Forcarei con ‘Falaredes’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiNoia
A-
A+

O sábado e o domingo, a Consellería de Cultura e Educación levará ata os concellos de Noia e Forcarei as propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Os protagonistas das dúas funcións serán Os Bolechas, que seguen a espallar o espírito olímpico polo país.

A primeira das actuacións de ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ terá lugar este sábado, día 2 de xullo, na vila de Noia. O espazo que lle dará acubillo ao espectáculo infantil será o Teatro Coliseo Noela (ás 21:00 horas). Ese mesmo día, unha hora antes da función, poderán retirarse os convites gratuítos no propio teatro, ata un máximo de catro pases por persoa.

Xa o domingo, os personaxes ideados por Pepe Carreiro desprazaranse ata a comarca de Tabeirós-Terra de Montes, concretamente ao municipio de Forcarei. A actuación dirixida ao público familiar terá lugar no Auditorio de Soutelo de Montes (ás 19:00 horas). A entrada é libre e de balde ata completar a capacidade deste espazo.

O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia e parte dun tema que está de moita actualidade. Os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.

A participación que busca esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas ten continuidade a través das novas tecnoloxías, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.

Próximas citas: Monterroso e Outes

Na vindeira fin de semana, a segunda do mes de xullo, o ‘Falaredes’ achegará Os Bolechas ata os concellos de Monterroso e Outes. O sábado día 9 de xullo, ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ estará en Monterroso (Salón de Actos do Espazo Cultural, ás 21:00 horas) e o domingo, día 10, en Outes (Casa da Cultura, ás 19:00 horas).

Dúas funcións máis no mes de xullo, nos concellos de Tui e Melide (os días 15 e 23, respectivamente) completarán a xira da familia animada máis famosa de Galicia na edición 2016 do ‘FalaRedes’ por un total de 31 localidades da RDL.

‘FalaRedes 2016′

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Todas as actividades son gratuítas e o acceso aos recintos é libre ata completar aforo.

Os obxectivos de ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

Ao longo das catro edicións anteriores, ‘FalaRedes’ chegou a todos os concellos que integran a RDL (que conta arestora con máis de 170 entidades adheridas), con preto de 700 actividades para público de diferentes idades.

30 de xuño de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.