publicidade hoxe

O ‘Falaredes’ leva o espectáculo infantil ‘Os Bolechas van ás olimpíadas’ aos municipios de Viveiro e Fene

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFeneViveiro
A-
A+

Esta fin de semana a Consellería de Cultura e Educación leva ata os municipios de Viveiro e Fene as propostas de dinamización lingüística do programa ‘FalaRedes’, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística lle destina ás entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Nestes primeiros días do verán, os protagonistas serán Os Bolechas, que seguen a espallar o espírito olímpico polo país.

A primeira función de ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ terá lugar este sábado, día 25 de xuño, en Viveiro, no Teatro Pastor Díaz, ás 18:00 horas. O domingo, os personaxes ideados por Pepe Carreiro desprazaranse ata o municipio de Fene, concretamente ata o Local do CCRD de Perlío (ás 12:30 horas).

O espectáculo ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ está pensado para gozar en familia. Os seis famosos irmáns requirirán a axuda dos rapaces e rapazas asistentes para superaren unha serie de probas e deste xeito venceren o seu antagonista Romualdo. Se, co apoio do público, o conseguen, terán garantido o seu pase para as Olimpíadas de Río 2016.

A participación promovida por esta actividade non se limita ao día do espectáculo, pois ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ ten continuidade a través das tecnoloxías da información e do coñecemento, no web www.osbolechas.gal/olimpiadas.

Próximas citas: Noia e Forcarei

Na vindeira fin de semana, primeira do mes de xullo, o ‘Falaredes’ achegará Os Bolechas ata os concellos de Noia e Forcarei. O sábado día 2 de xullo, ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’ estarán en Noia (Teatro Coliseo Noela, 21:00 horas). O domingo o mesmo espectáculo estará en Forcarei (Auditorio de Soutelo de Montes, 19:00 horas).

‘FalaRedes 2016′

O programa de dinamización lingüística ‘FalaRedes’ chega á súa quinta edición con novas propostas para gozar do tempo libre en galego que se desenvolven ao longo de todo o ano nos concellos da RDL. Todas as actividades son gratuítas e o acceso aos recintos é libre ata completar a capacidade.

Os obxectivos do ‘FalaRedes’ son ampliar a oferta de ocio na nosa lingua, promover o seu uso e valoración positiva, fornecer o ámbito municipal de actividades de lecer en galego e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo no idioma propio de Galicia.

23 de xuño de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.