Medio Rural entrega material para a loita contra a vespa velutina aos concellos de Vilarmaior e Pontedeume
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, entregoulle esta mañá ao concello coruñés de Vilarmaior dous traxes para a retirada de niños de vespa velutina e unha pértega para a loita deste insecto ao concello de Pontedeume, no marco do Plan de vixilancia e control da Vespa velutina en Galicia que leva a cabo a Consellería do Medio Rural en colaboración con outros departamentos da Xunta e administracións locais.
Este material súmase aos 42 equipos de protección individual xa cedidos pola Consellería aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) e ás máis de 2.500 trampas e botes de líquido atraínte entregados en 2015 e 2016 aos apicultores, para a captura de raíñas de Vespa velutina.
Para o ano 2016, a Consellería do Medio Rural estableceu unha colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), de tal xeito que os concellos que manifestaron a súa dispoñibilidade participen directamente en dito plan co seu propio persoal. Para facilitarlles este traballo, o departamento que dirixe Ángeles Vázquez está a entregar material que permita unha retirada efectiva e segura.
Entrega de material
En total vanse entregar 18 equipos de protección individual e 24 pértegas para a loita fronte a vespa velutina a varios concellos de Galicia. A curto prazo váiselle entregar traxes aos concellos de Ferrol (3), Santiago (3) e A Baña (1). No tocante ao reparto das pértegas, vaise realizar a determinados concellos en función da súa localización, de tal xeito que poidan compartir o seu uso con outros concellos colaboradores próximos. Neste momento está asignada a entrega de 14 das pértegas, a razón de 1 unidade por concello, aos municipios de Mondoñedo, Viveiro, As Pontes de García Rodríguez, Valdoviño, Pontedeume, Cambre, Abegondo, A Laracha, Santa Comba, Cee, Ribadumia, Moaña, Salceda de Caselas e Mondariz.