publicidade hoxe

Medio Ambiente colabora na mellora do abastecemento de auga á parroquia de San Martiño en Verea

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerea
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Verea

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Verea

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o Concello de Verea colaborarán na mellor do abastecemento de auga á parroquia de San Martino, neste municipio da provincia de Ourense. A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e o alcalde de Verea, Juan Antonio Martínez González, asinaron o convenio de colaboración no que se establecen as obrigas e deberes de cada parte asinante. Así, será responsabilidade de Augas de Galicia executar as obras e xestionar o orzamento, que se fixa nos 100.000 euros e que serán cofinanciadas pola Unión Europea a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

Tal e como sinalou a conselleira, con esta actuación preténdese garantir aos veciños deste núcleo dun sistema de abastecemento axeitado, necesario debido á escaseza de auga detectada na captación que serve á comunidade de veciños da parroquia de San Martiño e ao incremento da demanda que se presenta na época estival.

Na captación construiranse gabias drenantes que recollerán a auga e conducirana ata unha arqueta de distribución. Dende este punto levarase a auga mediante unha tubaxe de abastecemento polo monte comunal e polas marxes de diversas pistas devasas e forestais, ata conectar co depósito existente.

No depósito existente construirase unha caseta pegada á cámara de chaves na que se instalará un equipo dosificador de hipoclorito por enerxía eléctrica para garantir a potabilización da auga. Ademais existirá un sistema eléctrico por enerxía solar, para alumeado da cámara de chaves e funcionamento do citado equipo dosificador, composto por paneis fotovoltaicos instalados enriba do teito do depósito.

Tamén se realizará a conexión dende este depósito coa rede de distribución existente na cabeceira do núcleo de Casal de Bispo, mediante a colocación dunha tubaxe de abastecemento. Finalmente, para protexer a rede de abastecemento actual, ante a gran diferenza de presión estática que se presenta ao conectar o depósito con esta parte da rede de distribución, instalarase un equipo de válvula redutora de presión.

14 de xuño de 2016 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.