publicidade hoxe

Educación e empresarios de Ferrolterra unen forzas para situar a comarca como un territorio de referencia en FP

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Confederación de Empresarios de Ferrolterra e a Asociación de Empresarios da mesma comarca veñen de unir forzas co fin de situar esta zona como un espazo de referencia na formación profesional. O conselleiro Román Rodríguez e os presidentes das dúas entidades patronais, Cristóbal Dobarro Gómez e José Ramón Franco Caaveiro, respectivamente, asinaron senllos convenios de colaboración no CIFP Ferrolterra para promover a FP nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. No acto estivo tamén o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, Román Rodríguez explicou que os acordos se sustentan en dúas grandes patas, a realización da formación en centros de traballo (a chamada FCT) e o impulso á FP Dual. No primeiro caso, e en virtude destes convenios, o alumnado poderá desenvolver as súas prácticas nas instalacións das empresas adheridas ás dúas entidades, polo que coñecerá de preto o escenario de traballo real e se preparará de cara ao futuro mercado laboral.

Neste sentido cómpre lembrar que as consellerías de Educación e Economía, Emprego e Industria están desenvolvendo un programa para impulsar a inserción laboral na FP, a través do cal os recén titulados poderán acceder a un posto de traballo naquelas empresas onde realizaron a FCT.

Aposta pola FP Dual

Por outra banda, o conselleiro instou aos empresarios a apostar pola modalidade da FP Dual, tendo en conta que os convenios asinados hoxe sentan as bases para promover estes proxectos, nos que se combina a formación no centro educativo con formación na propia empresa. Segundo trasladou Román Rodríguez, a FP Dual é unha oportunidade para as compañías e para o alumnado, ao fomentar a empregabilidade dos mozos e mozas e a competitividade das empresas.

Ademais, trátase dunha modalidade que favorece a actualización de coñecementos e a especialización, o que pode resultar beneficioso para a industria da comarca, que demanda traballadores moi cualificados e con novos perfís profesionais adaptados aos retos vindeiros.

Profesorado e traballadores, beneficiados

A maiores, os convenios tamén recollen a creación dun programa de bolsas de formación por parte da Confederación e da Asociación, estadías en empresas para o profesorado de FP e a posibilidade de que os propios traballadores destas compañías poidan obter titulacións de formación profesional e certificados de profesionalidade. Tamén se levarán a cabo visitas a empresas, un programa dirixido ao alumnado de educación secundaria co fin de estimular a FP de tipo técnico, sobre todo entre as alumnas.

Deste xeito, e en palabras do conselleiro, estes acordos de colaboración benefician, ademais de ao alumnado e aos empresarios, aos propios traballadores das fábricas, ao profesorado de FP e, en consecuencia, á sociedade en xeral. De feito, afondan na estratexia do Goberno galego de aposta pola formación profesional, visibilizada hoxe “en máis alumnos, máis ciclos e unha oferta adaptada ás necesidades produtivas de cada entorno”, salientou Román Rodríguez.

Forte investimento na comarca

Por outro lado, o conselleiro subliñou o forte investimento que a Consellería vai levar a cabo nos centros educativos da comarca, nos que investirá preto de dous millóns de euros. En concreto, destacan as obras que se acometerán no propio CIFP Ferrolterra, por un valor 300.000 euros; a ampliación do CPI Conde de Fenosa de Ares, na que se investirán este 2016 máis de 247.000 euros; e a rehabilitación integral, enerxética e funcional, do CEIP A Magdalena das Pontes, cun orzamento próximo aos 450.000 euros.

28 de xuño de 2016 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.