publicidade hoxe

Comeza a veda da centola e do boi desde cabo Corrubedo ata A Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA GuardaLocal PortadaPontevedraRiveira
A-
A+

A veda da centola e do boi na parte litoral que vai desde Cabo Corrubedo ata A Guarda comezará mañá e rematará o vindeiro 27 de novembro. Así o especifica a resolución pola que se aproba o plan de xestión destas especies para a campaña 2016-2017, que establece o período de veda para este ano na provincia de Pontevedra dende as 00:00 horas do sábado, 4 de xuño ata as 00:00 horas do domingo, 27 de novembro.

No caso da parte que vai de Cabo Corrubedo ata Cabo Estaca de Bares, na provincia da Coruña, a veda comezará o 2 de xullo e prolongarase ata o 27 de novembro. Na zona comprendida entre Cabo Estaca de Bares ata o río Eo, a veda irá desde o 2 de xullo ata o 4 de decembro.

O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións con artes menores e con porto base na nosa comunidade e tamén para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades, teñan permisos especiais de pesca para faenar en augas galegas.

A veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa e a regular a pesquería da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

3 de xuño de 2016 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.