publicidade hoxe

A Xunta reinicia as obras do acceso ao Porto de Lorbé que se prevé que rematen en catro meses

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleirosSada
A-
A+

A Xunta reinicia as obras do acceso ao Porto de Lorbé, concretamente o treito III da Vía Ártabra (AC-526): Veigue (VG 1.3)- Porto de Lorbé, unha vez subsanados os problemas técnicos e administrativos que obrigaron a paralizar esta actuación. No seu día, a obra foi adxudicada a Condesmo, S.A., pero entrou e concurso de acredores, e foi absorbida pola empresa Grupo Bascuas 2000, que se subrogou na posición da adxudicataria e será a que continúe coa execución das obras.

Esta actuación é continuación dos treitos en servizo da Vía Ártabra, que articula e conecta Sada e Oleiros coa rede metropolitana da Coruña. Traballarase nunha lonxitude de 1,1 quilómetros e cunha sección de dous carrís de 3,5 metros de ancho, beiravías de 1,5 m e bermas de 0,5 m.

Esta actuación execútase como unha colaboración entre Portos de Galicia, da Consellería do Mar, que foi quen contratou as obras, e a Axencia Galega de Infraestruturas, da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, que as dirixe. Esta colaboración foi renovada no ano 2015, con obxecto de afianzar a resolución dos problemas e poder retomar a execución das obras, feito que agora se produce.

Na actualidade, os problemas xurdidos, fundamentalmente pola necesidade de axuste das drenaxes, a aparición de servizos e outras cuestións complementarias, foron resoltos técnica e administrativamente. Por elo, unha vez resoltos, retómanse as obras, de modo que se prevé a súa finalización e posta en servizo nun prazo aproximado de 4 meses.

As primeiras tarefas que se van realizar son os de desbroce da traza, para inmediatamente despois traballar nos firmes. En paralelo, estase a facer a tramitación administrativa necesaria para a expropiación duns terreos que son necesarios para o encauzamento das augas pluviais de escorrenta.

22 de xuño de 2016 | 18:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.