A Xunta destaca en Silleda que o uso da biomasa no sector agroalimentario contribúe a protexer os montes e xerar emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, participou hoxe, xunto con outros responsables e técnicos do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) nunha mesa de traballo, organizada con motivo da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia que se está celebrando en Silleda, na que a Xunta presentou as conclusións do estudio que constata as posibilidades que existen para a utilización da biomasa con fins térmicos no sector agroalimentario.

O informe desenvolveuse dentro do marco da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa con fins térmicos para o período 2014-2020 e, segundo explicou o director xeral, conclúe que se trata dun novo sector produtivo eminentemente industrial e que contribúe á creación de postos de traballo, ao tempo que presta especial atención ao coidado dos montes galegos.

O estudio céntrase nas principais finalidades fixadas na Estratexia, como afianzar o uso da biomasa e, deste xeito, reducir a dependencia do petróleo, impulsar o aforro, mellorar a xestión dos montes, prever incendios forestais, favorecer a eficiencia enerxética e protexer o medio natural. De feito, corrobora as posibilidades de uso da biomasa sobre todo no sector agroalimentario, apostando por fomentar a utilización desta fonte de enerxía autóctona, renovable e limpa, ademais de que permite altos niveis de abastecemento a un prezo competitivo.

Entre as principais conclusións que se aportaron durante a mesa de traballo están as oportunidades de continuar coa implantación da biomasa nas granxas de porcino; nas empresas avícolas e destilarías de gran tamaño, fábricas de pensos e matadoiros e industrias cárnicas nas que se empregue gasóleo; e nas panaderías, o sector onde o estudio detecta que a biomasa presenta un maior potencial de utilización.

A este encontro celebrado no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca de Silleda, asistiron representantes de organizacións dos sectores agroalimentario e da biomasa, das administracións, propietarios de montes e fabricantes de pellets e estelas.

A Estratexia Integral de Impulso da Biomasa tamén recolle a aplicación desta alternativa en outros eidos, como o sector agropecuario ou o sector servizos, co obxectivo de que a finais desta década se produza un aforro anual de 70 millóns de euros na compra de combustibles fósiles, ademais de crear 1.000 novos postos de traballo e mobilizar un investimento próximo aos 500 millóns, evitando a emisión á atmosfera de 246.000 toneladas de CO2 ao ano.

10 de xuño de 2016 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.