publicidade hoxe

A Xunta consolida a Fundación Semana Verde como referente do ocio electrónico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Rueda e Rey na sinatura do convenio de colaboración. Foto: C. Paz

Rueda e Rey na sinatura do convenio de colaboración. Foto: C. Paz

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinaron hoxe un convenio para o desenvolvemento do encontro informático ‘Xuventude Galicia Net’ un evento multidisciplinar dirixido á xuventude que conta con diversas temáticas, que aborda a tecnoloxía dende todas as perspectivas, e que este ano terá lugar no Recinto Feiral de Silleda.

A Fundación Semana Verde Abanca, coa colaboración da Consellería de Política Social, levará a cabo a II edición do encontro informático XGN, tras o éxito acadado o ano pasado con máis de 800 participantes. Esta nova edición busca consolidar o evento e facelo máis ambicioso e para iso contará cunha dotación económica de 50.000 euros, o dobre do recibido na pasada edición 2015 que foi de 25.000 euros. Nesta convocatoria el XGN dará un salto cualitativo importante, xa que entre outras accións, mellorarase a conectividade, pasando de 1Gb por radioenlace a 2Gb por fibra. Tamén se aumentará a 1.200 o número de postos, cifra que poderá ser ampliable segundo as inscricións.

As melloras desta nova edición supoñen tamén a implicación de destacadas firmas do sector das novas tecnoloxías, como HP e INTEL, que apoiarán o encontro a través de patrocinio. E na parte empresarial dos videoxogos, estarán presentes empresas punteiras galegas dedicadas á creación de videoxogos, como Gato Salvaje. Ademais, este ano o XGN contará coa creación dunha bolsa de contratación coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) entre empresas galegas e portuguesas do sector tecnolóxico.

O titular de Política Social explicou que a adaptación aos tempos actuais e de inmediato futuro esixen a utilización sistemática de novas tecnoloxías que se están introducindo no mundo da información, polo que é necesario darlle á xuventude a posibilidade de ter un punto de referencia sobre estas tecnoloxías.

Ademais, a implicación da Fundación neste sector vai máis alá, xa que a través do XGN, e da man da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, colabora con outras ‘parties’ de Galicia, como poden ser o Gaiás Gaming, en Santiago; o Technium, en Ourense; e o Hobbycom, na Coruña. Esta colaboración convirte á Semana Verde no organismo de referencia da Xunta no ámbito dos videoxogos e o ocio electrónico.

Todo isto supón a aposta da Fundación Semana Verde de Galicia polas novas tecnoloxías, o ocio electrónico e os e-sports (deportes electrónicos) que veñen experimentando un gran crecemento nos últimos anos e arroxando unhas importantes cifras tanto de afeccionados como de negocio.

A Xunta potencia así a organización de actividades lúdicas e culturais vinculadas ás novas tecnoloxías que teñen unha grande demanda por parte da mocidade galega, por iso, a administración autonómica brinda unha vez máis á xuventude unha oportunidade para intercambiar coñecementos e experiencias da sociedade da información e do manexo das novas tecnoloxías.

16 de xuño de 2016 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.