A Semana Verde acollerá a mostra itinerante de réptiles máis grande de Europa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A 39ª edición da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal terá lugar do 9 ao 12 de xuño, acollerá a exposición itinerante de réptiles máis grande de Europa, a Fauna dos Réptiles.

Trátase dunha exposición didáctica que leva percorrido numerosos países europeos e está conformada por 105 exemplares de 60 especies de todas as familias e continentes. 

Entre eles poderanse ver crocodilos australianos, alligators americanos, serpes de cascabel, cobras, boas, pitóns, camaleóns, iguanas ou tartarugas xigantes  das Seychelles, entre as cales se encontra un exemplar excepcional en catividade polos seus 80 anos de idade e 220 quilogramos de peso. 

A Fauna dos Réptiles, que ten unhas dimensións de 600 metros cadrados, contará ademais con expertos que responderán ás preguntas dos visitantes.

A exposición está pensada para todos os públicos, tanto para nenos como para adultos, e poderá ser visitada durante todos os días desta 39ª edición Abanca Semana Verde no mesmo horario da feira, de 10.00h a 20.00h o xoves e venres e de 10.00h a 21.00h o sábado e o domingo. Estará situada no paseo central do recinto.

O prezo da entrada a esta exposición de réptiles será de 6€, a excepción dos menores de 5 anos, os cales entrarán gratis.

6 de xuño de 2016 | 16:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.