A Deputación da Coruña construirá unha nova senda peonil na estrada DP 7306 de Aguiño a Carreira
A Deputación da Coruña asumirá a construción dunha senda destinada a mellorar a seguridade vial dos peóns na estrada provincial DP 7306 de Aguiño a Carreira pola Graña, no concello de Ribeira, e que suporá un investimento de 147.000 euros.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, anunciou este investimento ao remate da reunión que hoxe mantivo na Coruña co alcalde da localidade, Manuel Ruíz Rivas, durante o que ambos analizaron as actuacións de mellora levadas a cabo en diversos viais provinciais que discorren pola localidade e as necesidades futuras do municipio nesta materia.
Esta nova senda peonil, proxectada entre os puntos quilométricos 2+380 e 2+900, sumarase á construida recentemente pola Deputación nesta mesma estrada, entre os lugares Vixán e Graña.
A zona de actuación está comprendida dentro do ámbito da Rede Natura, polo que para a súa construción empregaranse materiais acordes co entorno no que se ubica. Actualmente conta cun pavimento de terra compactada que fai que se formen charcos que dificultan a circulación dos viandantes, nunha estrada que conta cun intenso tráfico de vehículos, o que xustifica a construción desta nova infraestrutura co obxecto de mellorar a seguridade dos peóns.
A nova senda construirase con aglomerado asfáltico, ampliando a zona de paso onde sexa posible para que os peóns podan transitar sen riscos. O ancho mínimo será de 1,50 metros no tramo sinalado, cunha lonxitude total de 580 metros e arcén de ancho variable, cun máximo de 0,50 metros.
Antes da construción da senda procederase á limpeza da zona e á demolición das soleras existentes que dan paso ás fincas e vivendas limítrofes. Posteriormente, adaptaranse os portais existentes de entrada ás fincas á nova rasante da senda peonil.
O proxecto contemplará ademáis a construción dunha rede de drenaxe de pluviais con tubería de PVC de 315 mm de diámetro en paralelo á senda con arquetas e sumidoiros.
Durante a reunión de esta mañá, González Formoso e Ruíz Rivas analizaron tamén outras actuacións de mellora dos viais provinciais levadas a cabo pola Deputación no municipio, como as obras de ampliación da plataforma e mellora de trazado da DP 7103 de Laranga a Olveira entre os Pk 6+244 e 7+230, recentemente rematadas, ou os traballos de mellora da DP 7305, no núcleo urbano de Aguiño, actualmente en execución, que supoñen un investimento de preto de 465.000 euros e que inclúen a construción de beirarrúas, aparcadoiros, mellora do firme e instalación de pasos de peóns elevados.
González Formoso informou tamén ao rexedor ribeirense de que a institución provincial asinou onte coa empresa Leonardo Migúelez os traballos correspondentes ao grupo 28 do Plan de Conservación, que inclúe aos concellos de Ribeira, Porto do Son e Pobra do Caramiñal, por importe de 314.694,62 euros, que se destinarán á realización de pquenas obras de mellora e mantemento na rede provincial de estradas destes tres municipios.











