publicidade hoxe

Unhas 90 prazas de abastos galegas súmanse á iniciativa internacional “Quere o teu mercado”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe en Ribeira na presentación autonómica da iniciativa internacional Quere o teu mercado (Love Your Local Market), cuxa celebración en Galicia impulsa por segundo ano a Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos e as asociacións e federacións de praceiros. Tal e como explicou Vázquez Abeal, preto de 90 prazas de abastos de toda Galicia, case o dobre que o ano anterior, e case 3.000 praceiros súmanse a esta iniciativa que se celebra ata finais de mes en 17 países de Europa, América e Asia.

No marco de Quere o teu comercio desenvolveranse en Galicia distintas propostas para visualizar e promocionar as prazas como pezas clave do comercio de proximidade. Entre as actuacións específicas promovidas pola Xunta co sector celebrarase o vindeiro sábado 28 de maio o Día do Mercado.

No acto celebrado en Ribeira, no cal o cociñeiro do Grupo Nove Iñaki Bretal, do restaurante Eirado da Leña, realizou un showcooking, Vázquez Abeal sinalou que o obxectivo da celebración en Galicia de Quere o teu Mercado é poñer en valor a calidade e a profesionalidade das prazas galegas.

Abeal, que destacou que o lema escollido este ano a nivel internacional é Mercados, a túa opción saudable!, sinalou a contribución das prazas de abastos a unha alimentación equilibrada, achegando os mellores produtos locais e contribuíndo á creación de riqueza e emprego.

Entre as distintas actividades que se celebrarán nos próximos días inclúense degustacións gastronómicas, actuacións musicais e teatrais, charlas informativas e iniciativas nas redes sociais, ou sorteo de agasallos, entre outros. Moitas das propostas céntranse en achegar as prazas de abastos aos máis pequenos. Así, concellos e comerciantes organizan visitas de escolares, obradoiros musicais e de cociña.

Ademais, o Día do Mercado, que se celebrará o 28 de maio, distribuirase un conto infantil editado pola Xunta co obxectivo de presentar aos máis pequenos estas instalacións dunha forma amena e divertida.

Por outra banda, os mercados pertencentes á Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) teñen en marcha un concurso infantil de debuxos coa colaboración dos colexios das distintas localidades onde se ubican as prazas de Fepragal, no que están a participar 10.200 rapaces e rapazas de 3 a 12 anos. Esta actividade integra unha visita guiada dos estudantes acompañados dun monitor.

Nova aplicación móbil

No acto celebrado hoxe en Ribeira, no que participaron representantes de Fepragal e de prazas de abastos de localidades como A Coruña, Ourense ou Pontevedra, presentouse tamén unha nova APP móbil, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da cal os usuarios poden acceder de forma rápida a información sobre os mercados, prazas de abastos ou feiras tradicionais máis próximas, que se poden buscar nun xeolocalizador.

Os que descarguen a aplicación de Mercados e Prazas de Galicia poderán consultar desde os seus dispositivos a ubicación e os horarios de apertura, os servizos dos que dispón, así como acceder a enlaces directos ás webs, perfís nas redes sociais, e á tenda on line daqueles mercados que dispoñen dela.

Así mesmo, terán acceso ás novas máis relevantes neste ámbito, e darase difusión aos eventos que se celebren nos diferentes mercados, así como ás accións de fidelización que nestes se propoñan.

Campaña internacional

Quere o teu mercado (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano conta coa participación de mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong, Estados Unidos e Canadá. A iniciativa leva nesta edición a nivel internacional o lema Mercados, a túa opción saudable!, facendo fincapé sobre a contribución das prazas de abastos tanto a unha alimentación equilibrada como á creación de riqueza e emprego.

16 de maio de 2016 | 16:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.