Medio Ambiente destina 177.000 euros a mellorar o contorno do consistorio de Beariz
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará máis de 177.000 euros a mellorar o contorno da casa do concello de Beariz. Así se recolle no convenio asinado entre a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Manuel Prado.
O obxectivo xeral da actuación é mellorar os pavimentos, con lousa de granito, e renovar a canalización de saneamento de pluviais desta zona, así como soterrar e canalizar as instalacións de telefonía e subministro eléctrico. Os traballos buscarán tamén incrementar a accesibilidade da zona.
A actuación abarca a humanización dunha superficie de 1.709 metros cadrados, a través dun deseño máis moderno. En toda esta área, eliminaranse as barreiras arquitectónicas, mellorando os itinerarios peonís e rodados e as zonas de confluencia entre ambos, a través da creación dunha zona verde.
Ao mesmo tempo, tamén se modernizarán os sistemas de iluminación e instalarase novo mobiliario urbano.
Esta iniciativa inscríbese no Plan hurbe, posto en marcha pola Xunta en 2010. Trátase da cuarta actuación realizada en Beariz con cargo a este Plan, logo de que se investiran máis de 200.000 euros en anos anteriores no acondicionamento da praza da Igrexa de Doade, da praza de Lebozán, e da praza pública do lugar de Alvite.
Plan hurbe
O hurbe naceu cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial. Para cumprir estas metas, o Plan inclúe tres programas de actuación: humanización de rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos público, especialmente referidos a aqueles de carácter cultural e social.
Desde a súa posta en marcha en 2010, o hurbe ten posibilitado a realización de 105 actuacións, grazas a un investimento total de 112 millóns de euros.