Ethel Vázquez analiza coa Mancomunidade Arousa Norte as actuacións para mellorar a mobilidade nas estradas autonómicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaRiveira
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión coa Mancomunidade Arousa Norte

Ethel Vázquez na reunión coa Mancomunidade Arousa Norte

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co presidente e cos alcaldes dos municipios que conforman a Mancomunidade Arousa Norte (Riveira, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo) para abordar actuacións para a mellora da mobilidade e o incremento da seguridade viaria nas estradas autonómicas ao paso por estes concellos.

Vázquez explicou que na estrada Padrón-Riveira (AC-305), que vertebra os concellos da marxe dereita da ría de Arousa, a Xunta vai executar traballos de mellora do firme no verán, supoñendo un investimento de preto de 680.000 euros. A intervención incidirá no incremento da seguridade, pero tamén nunha maior comodidade nos desprazamentos, tanto para os usuarios desta vía, moi frecuentada no verán, como para os veciños dos municipios beneficiados.

O Goberno galego tamén vai levar a cabo reforzos de firme na estrada que une Cee e Riveira (AC-550), unhas melloras que comezarán no mes de xuño e que suporán un investimento global de 764.000 euros.

Ethel Vázquez indicou que estes reforzos de firme executaranse mediante o emprego de mesturas bituminosas con betúns mellorados con caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, o que significa unha aposta pola sustentabilidade.

A conselleira lembrou que a Xunta tamén está a reforzar a sinalización horizontal e vertical nos enlaces da Autovía do Barbanza para evitar a entrada de vehículos en sentido contrario. Estas medidas están consensuadas e coordinadas coa Garda Civil e coa Dirección Xeral de Tráfico.

Vázquez Mourelle indicou que o seu departamento non só está a traballar no reforzo de firmes nas estradas, senón que tamén se están a construír sendas nos municipios da Mancomunidade Arousa Norte. Precisou que actualmente está en execución unha senda peonil en Boiro, no treito da AC-305 comprendido entre a localidade de Vilariño, á altura da Cruz Vermella, e a travesía de Boiro. A actuación iniciouse a principios deste mes de maio, estará rematada este verán e contará cun investimento de arredor de 160.000 euros.

Nos últimos anos, e no que respecta ao concello de Riveira, leváronse a cabo dúas actuacións para favorecer o tránsito peonil: a construción de beirarrúas para completar o itinerario peonil ao longo de toda a estrada entre Oleiros e Corrubedo, que se rematou en 2014; ou a dotación de beirarrúas en San Martiño, na estrada Cee-Riveira (AC-550), en 2015.

Programa de Vivendas Baleiras

Por outra parte, o alcalde de Riveira, Manuel Ruíz, trasladoulle á conselleira de Infraestruturas a decisión deste concello de adherirse ao Programa de Vivendas Baleiras activado pola Xunta.

Esta iniciativa, enmarcada nas doce medidas postas en marcha polo Goberno galego para loitar contra os desafiuzamentos, ten como obxectivo mobilizar as vivendas de particulares, empresas e organismos que se atopan desocupadas para ser destinadas a alugueiro social, contando para isto coa participación das Administracións locais. Para favorecer esta medida, desde a Xunta financiaranse unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas, que inclúe asistencia e defensa xurídica.

31 de maio de 2016 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.