As razas bovinas galegas en perigo de extinción presentarán o seu selo 100% Raza Autóctona na feira Abanca Semana Verde 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A 39ª Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia, a cal se celebrará do 9 ao 12 de xuño no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, acollerá a presentación oficial do selo 100% Raza Autóctona  das razas bovinas galegas en perigo, que son a Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa.

Estas súmanse así ás tamén razas autóctonas en perigo de extinción Ovella Galega, Cabra Galega e Galiña de Mos, que xa conseguiran o ano pasado este selo e tamén fora presentado no marco do certame Abanca Semana Verde de Galicia.

O acto de presentación, que terá lugar o día 9 de xuño ás 18.45 horas, está organizado pola Federación de Razas Autóctonas de Galicia (BOAGA), a Asociación de Criadores da Raza Bovina Cachena (CACHEGA), a Asociación de Criadores da Raza Bovina Caldelá (CALDEGA), a Asociación de Criadores da Raza Bovina Frieiresa (FRIEIREGA), a Asociación de Criadores da Raza Bovina Limiá (LIMIAGA) e a Asociación de Criadores da Raza Bovina Vianesa (VIANEGA).

Esta presentación incluirá unha degustación de produtos destas cinco razas na que colaborará o cociñeiro Antonio Díaz Calvo, do restaurante Andarubel – Fragas do Eume, o cal conta cunha ampla experiencia na elaboración de pratos coas razas autóctonas galegas en perigo de extinción.

100% Raza Autóctona 

O logotipo 100% Raza Autóctona é unha iniciativa das asociacións de criadores de razas autóctonas e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama), que se enmarca no Programa Nacional de Conservación, Mellora e Fomento das Razas Gandeiras.

Tras unha crecente demanda por parte dos consumidores de produtos que saiban e se críen como os de antes, diferentes, sans, baixos en graxa, diferenciados e de cercanía, CACHEGA, CALDEGA, FRIEIREGA, LIMIAGA e VIANEGA veñen de conseguir o recoñecemento por parte da Consellería do Medio Rural e do Magrama para o emprego deste selo para as respectivas razas, nacendo así os logotipos 100% Raza Autóctona Cachena, 100% Raza Autóctona Caldelá, 100% Raza Autóctona Frieiresa, 100% Raza Autóctona Limiá e100% Raza Autóctona Vianesa.

Trátase dun selo oficial, identificador dos produtos de animais destas cinco razas, que ofrece aos consumidores as garantías da orixe dos produtos que consumen, que permite unha apertura dos gandeiros ao comercio e á hostalería e tamén que estas razas que estiveron nalgún momento ao borde da extinción, volvan ser unha parte importante do  patrimonio galego. Funcionará coma unha marca de calidade á que se poden acoller tres tipos de operadores: os produtores, os transformadores e os comercializadores.

30 de maio de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.