publicidade hoxe

Xunta e concellos da área da Coruña acordan por unanimidade a renovación do Plan de Transporte Metropolitano para o 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaA LarachaAbegondoArteixoBergondoBetanzosCambreCarballoCarralCercedaCulleredoLocal PortadaMiñoOleirosOrdesOza/CesurasSada
A-
A+
Reunión da Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano da Coruña

Reunión da Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano da Coruña

A Xunta e os concellos da área da Coruña acordan por unanimidade a renovación do Plan de Transporte Metropolitano para o ano 2017, cun orzamento de 4,3 millóns de euros. A directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, presidiu hoxe a Comisión de Seguimento do Transporte Metropolitano da Coruña, na que se autorizou esta prórroga que permite a continuidade dun plan que supón importantes aforros económicos para os usuarios, e que a Xunta financia nun 80%, achegando 3,44 millóns de euros.

O Plan de Transporte Metropolitano da Coruña púxose en marcha no ano 2011 cos concellos da Coruña, Oleiros, Arteixo, Culleredo, Sada, Betanzos, Bergondo, Abegondo, Carral e Cambre. Nos anos posteriores integrábanse nesta área os municipios de Laracha, Oza-Cesuras, Cerceda, Miño, Ordes e Carballo.

A Xunta contribúe co 80% da bonificación no traxecto principal e os concellos co 20% restante. Tamén se puxeron en marcha bonificacións do 100% dos transbordos e descontos adicionais aos usuarios habituais (15%) e ás familias numerosas (20% ou 50% segundo se ten 3 fillos ou máis).

O Plan leva consigo tamén un incremento do uso do transporte público,en detrimento do vehículo particular, feito que supón unha diminución da contaminación nas grandes cidades.

Helena de Lucas explicou que a Xunta está a traballar para implantar este ano o Sistema de Axuda á Explotación (SAE), no marco do Plan de Modernización do Transporte Público de Galicia, coa fin de mellorar as prestacións de servizos do transporte interurbano.

Tamén lle trasladou aos rexedores que o Executivo autonómico continúa co deseño do novo mapa de servizos de transporte que xa se está a desenvolver, introducindo melloras na xestión como o transporte a demanda, para dar unha maior expansión á rede de servizos do conxunto do territorio e, sobre todo, no rural, ou poñendo en marcha os plans de penetración nas áreas de Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, que permitirán optimizar rutas e eliminar transbordos.

26 de abril de 2016 | 17:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.