Eficiencia enerxética e mobilidade sostible centrarán as xornadas do Inega na I Feira da Enerxía de Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), levará a cabo tres xornadas técnicas sobre eficiencia enerxética e mobilidade sostible no marco da I Feira da Enerxía de Galicia, que se celebrará a próxima semana, do 14 ao 16 de abril, na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda.

Un total de 16 entidades e empresas galegas e nacionais, a través dunha vintena de expertos, participan nas xornadas do Inega, que terán lugar durante os dous primeiros días desta primeira edición da Feira da Enerxía de Galicia. Así, o xoves día 14 celebraranse as primeiras xornadas organizadas polo Inega e nas que os poñentes se centrarán na eficiencia enerxética.

Pola mañá, desde as 10.30 horas, desenvolverase seis relatorios que estarán moderados polo xefe da área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega, José Ángel Abad. En concreto, falarase de solucións enerxéticas eficientes por parte de representantes de Repsol; dunha proposta de aforros garantidos para instalacións de calefacción e climatización no sector terciario, de man de Endesa; sobre o financiamento de proxectos de I+D+i no sector da enerxía e as súas oportunidades para 2016, por parte do Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI); desde Gas Natural Fenosa informarán sobre a eficiencia en instalacións eléctricas e de gas; Cofrico e Energylab coinciden en afondar sobre a eficiencia enerxética; mentres que Gabriel Barthelemy, do departamento de Enerxía, Transporte, Fabricación e Sociedade Dixital do Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (CDTI), disertará sobre a industria 4.0 e o investimento en proxectos de I+D+i no sector da enerxía.

O mesmo xoves pola tarde, a partir das 16.00 horas, levarase a cabo a xornada sobre eficiencia enerxética na administración local, moderada polo director da área de Enerxía do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Santiago Rodríguez Charlón. As smart cities serán o primeiro dos temas abordados, de man da empresa Inova; ao que seguirá a iluminación pública exterior, por parte dun representante da Universidade de Vigo; e a exposición do caso de éxito dunha instalación de alumeado público, que fará a empresa Setga. Ademais, Ged Capital analizará o financiamento de proxectos de aforro enerxético no sector municipal a través dos Fondos Jessica Fidae; mentres que a Asociación de Empresas de Servicios Energéticos (ANESE) fará o propio co financiamento a través de empresas de servizos enerxéticos.

As xornadas promovidas polo Inega na I Feira da Enerxía de Galicia continuarán o venres, 15 de abril, onde o debate se centrará na mobilidade sostible e estará moderado polo director de Enerxía e Planificación Enerxética deste instituto, Emérito Freire Sambade.

Durante o seu transcurso, entre as 11.00 e as 13.30 horas, abordarase a mobilidade eléctrica como elemento clave da estratexia de vehículos alternativos en España, por parte da Asociación Empresarial para el Desarrollo e Impulso del Vehículo Eléctrico (AEDIVE); así como a mobilidade con hidróxeno, sendo un dos investigadores de Energylab o encargado de expoñer neste sentido un proxecto demostrativo de buque híbrido. Ademais, no marco da xornada Iberdrola falará das vantaxes e oportunidades do vehículo eléctrico; Repsol farao dos vehículos de autogás; e a Asociación Ibérica de Gas Natural para la Movilidad (Gasnam), dos vehículos de gas natural.

A Xunta, a través do Inega, forma parte do comité organizador da I Feira da Enerxía de Galicia, que conta cunha trintena de federacións, confederacións, asociacións, clusters, colexios oficiais e empresas enerxéticas.

8 de abril de 2016 | 18:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.