publicidade hoxe

A Xunta anima en Sada aos emprendedores a aproveitar as ferramentas da Axenda 20 para crear emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSada
A-
A+

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, interveu hoxe en Sada nas Xornadas de Desenvolvemento Local ‘A Forza do Local’ nas que explicou os retos da nova planificación da Xunta en materia laboral: a Axenda 20 para o Emprego e convidou aos emprendedores e empresarios locais a aproveitar as medidas que contén para xerar emprego de calidade.

Toca sinalou que esta folla de ruta ten como meta principal a creación de 100.000 postos de traballo e a redución da taxa do paro ata o 10 por cento ata 2020, así como a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.

A estratexia céntrase en 3 retos: fomentar o emprego de calidade, estimulando o emprego indefinido a tempo completo; reforzar a formación e especialización ao longo da vida laboral; e mellorar e orientar os servizos públicos na atención ás persoas demandantes e empresas.

Para acadar estes obxectivos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina 180 millóns de euros ao ano para o desenvolvemento de 20 medidas, entre as que Toca salientou o programa APROL con 68 millóns de euros para promover a contratación, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos.

Así mesmo, indicou que o Goberno galego porá en marcha as Lanzadeiras de Emprego para promover o emprendemento e autoemprego e ampliar as oportunidades laborais das persoas sen emprego e reforzará os incentivos á contratación e a pemes e autónomos, atendendo ás demandas empresariais e á captación e retención do talento.

A secretaria xeral de Emprego destacou, ademais, a creación de Unidades de Formación na empresa que impulsarán a especialización e capacitación con compromiso de contratación, ao tempo que se reforzarán os servizos de apoio aos empresarios a través das oficinas de emprego.

Outras das medidas que puxo en valor Toca foron o programa de formación no rural co obxectivo de fixar poboación no rural, a potenciación das empresas de economía social para fomentar o autoemprego de calidade ou os novos sistemas de formación enfocados á Industria 4.0.

A nova folla de ruta tamén inclúe apoios específicos para os menores de 30 anos e para a posta en marcha de proxectos de colaboración empresarial en eidos como I+D+i, comercialización e internacionalización

Por último, a secretaria xeral sinalou que o Goberno galego está a facer un esforzo para actualizar a carteira de servizos do SPEG coa implantación dun sistema de xestión de calidade e a posta en marcha dun novo modelo de orientación laboral aberta.

En definitiva, Toca lembrou que a Xunta está a investir este ano 40 millóns de euros para apoiar o emprendemento e rematou afirmando que “Galicia está nun bo momento para emprender, xa que estamos no camiño da recuperación económica na que os emprendedores e empresarios sodes unha peza clave”.

22 de abril de 2016 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.