A Consellería do Mar inviste 15.000 euros en obras de reparación e mantemento no porto de Palmeira
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 15.000 euros en diversas obras de reparación e mantemento no porto de Palmeira, en Ribeira. Esta mañá o presidente do ente público Portos de Galicia, José Juan Durán visitou a dársena portuaria para supervisar o desenvolvemento destas obras.
As actuacións que se están a realizar consisten na colocación dun novo módulo de pantalán, onde apoia a pasarela de acceso ás instalacións nas que atracan as embarcacións da terceira lista con base neste porto e tamén inclúen a substitución de táboas dos pantaláns. O antigo módulo que unía os pantaláns con terra foi trasladado, dentro da dársena, a un lugar no que servirá de prataforma para usos pesqueiros e almacenaxe de aparellos.
Durante a visita, o patrón maior da confraría de Palmeira, Miguel Franco, solicitou a José Juan Durán, modificar o alumeado portuario, substituír a baliza de sinalización marítima, acondicionar as varandas e a escaleira de acceso á zona da praia e reforzar o firme da rampla. Estas peticións serán avaliadas polos técnicos de Portos para proceder ao seu acondicionamento. Ademais Portos de Galicia comprometeuse a realizar labores de limpeza e pintura nos pilotes que soportan os pantaláns.
Esta visita é unha máis das que o presidente do ente público está a realizar aos portos para coñecer de primeira man as obras de mantemento e conservación das instalacións e as necesidades das confrarías en relación ás instalacións portuarias.











