publicidade hoxe

Medio Ambiente destinará 90.000 euros á mellora do abastecemento de auga na parroquia de San Martiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerea
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde de Verea. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na reunión co alcalde de Verea. Foto: X. Crespo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio destinará case 90.000 euros para executar a mellora de abastecemento a varios núcleos da parroquia de San Martiño, no Concello de Verea.

Así llo confirmou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ao alcalde de Verea, Juan Antonio Martínez González, no transcurso dunha reunión, na lle confirmou que Augas de Galicia xa ten supervisado o proxecto, polo que se remitirá á Administración local para que proceda ao trámite de información pública, previa licitación da obra.

A actuación, cun prazo de execución de tres meses, é necesaria debido á escaseza de auga detectada na captación que serve á comunidade de veciños da parroquia de San Martiño e ao incremento da demanda que se presenta na época estival.

Na captación construiranse gabias drenantes que recollerán a auga e conducirana ata unha arqueta de distribución. Dende este punto levarase a auga mediante unha tubaxe de abastecemento polo monte comunal e polas marxes de diversas pistas devasas e forestais, ata conectar co depósito existente.

No depósito existente construirase unha caseta pegada á cámara de chaves na que se instalará un equipo dosificador de hipoclorito por enerxía eléctrica para garantir a potabilización da auga. Ademais existirá un sistema eléctrico por enerxía solar, para alumeado da cámara de chaves e funcionamento do citado equipo dosificador, composto por paneis fotovoltaicos instalados enriba do teito do depósito.

Tamén se realizará a conexión dende este depósito coa rede de distribución existente na cabeceira do núcleo de Casal de Bispo, mediante a colocación dunha tubaxe de abastecemento. Finalmente, para protexer a rede de abastecemento actual, ante a gran diferenza de presión estática que se presenta ao conectar o depósito con esta parte da rede de distribución, instalarase un equipo de válvula redutora de presión.

4 de marzo de 2016 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.