publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca a incidencia do Plan Leader na mellora da calidade de vida no agro galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSada
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita a Sada. Foto: M. Fuentes

Ángeles Vázquez na visita a Sada. Foto: M. Fuentes

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou este mediodía na localidade coruñesa de Sada o pavillón para atención integral a persoas con parálise cerebral da asociación Aspace (Asociación de Pais de Alumnos con Parálise Cerebral). Estas instalacións recibiron unha subvención con cargo ao Plan Leader de 250.000 euros, para un investimento total próximo aos 800.000 euros.

Este centro fíxose a partires da remodelación dun pavillón da asociación Aspace, que se dotou con tres áreas diferenciadas: área educativa, con novas aulas e sala comedor-estar, así como unha zona específica para persoas maiores de 18 anos; área asistencial, con sala de enfermería, sala sensorial e atención personalizada de logopedia e psicopedagoxía, así como áreas de novas tecnoloxías e fisioterapia; área organizativa, cun despacho de dirección, sala de profesores, recepción e control.

Neste acto a conselleira destacou a importancia de dotar ao medio rural galego con servizos asistenciais que cubran as demandas de diferentes colectivos e puxo en valor o papel do Leader neste sentido, así como dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), como é o caso do da zona das Mariñas-Betanzos, que xestionou este proxecto.

Ángeles Vázquez lembrou tamén que o Plan Leader 2014-2020 suporá unha inxección para o agro galego de 84 millóns de euros, que se plasmarán en diferentes proxectos tanto de carácter produtivo como “non produtivo” –caso deste de Aspace–, pero que contribúen, todos eles, a mellorar a calidade de vida dos habitantes do rural.

Aspace é unha asociación fundada no 1977 por un grupo de pais e nais de persoas con parálise cerebral. Trátase do colectivo pioneiro en Galicia na atención integral a persoas con parálise cerebral e o único con estas características na provincia da Coruña. Os seus membros traballan para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e discapacidades psicofísicas e as das súas familias, poñendo a súa disposición os recursos necesarios para promover o seu desenvolvemento persoal e a igualdade de oportunidades.

14 de marzo de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.