publicidade hoxe

A Xunta mellora a empregabilidade en Cambre e Sada co obradoiro de atención a persoas dependentes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambreSada
A-
A+
Entrega de diplomas. Foto: M. Fuentes

Entrega de diplomas. Foto: M. Fuentes

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe no peche e entrega de diplomas do obradoiro de emprego de atención sociosanitaria a persoas dependentes que compartiron os concellos de Cambre e Sada. A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou a este programa mixto de formación e emprego preto de 200.000 euros.

Os 22 alumnos e alumnas recibiron cualificación e obtiveron un certificado de profesionalidade con validez estatal en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, un sector de atención prioritario. Así, os participantes, ademais de obter formación, accederon a un posto de traballo en diversas residencias e centros da provincia da Coruña.

Marnotes explicou que a Xunta está a investir este ano 14 millóns de euros nos obradoiros de emprego para mellorar a cualificación das persoas desempregadas e crear emprego estable e de calidade. Indicou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, sinalou que este eido será prioritario na Axenda de Emprego que o Goberno galego presentará nos próximos días.

Explicou que estes talleres, ademais de mellorar a empregabilidade dos alumnos e alumnas e ofrecerlles formación de calidade e acceso a un emprego, levan aparellados a realización de obras e servizos para a comunidade. Ademais, outra das vantaxes destas iniciativas é o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. Así, o director xeral subliñou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.

Por último, apuntou que “investir en cualificación é apostar pola creación de emprego e novas oportunidades” e, por iso, afirmou que a Xunta está a apoiar a preparación da mocidade para que sexan capaces de adaptarse ao entorno laboral cambiante no que se atopa Galicia e está a impulsar a formación nos sectores estratéxicos e emerxentes.

1 de marzo de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.