Silleda súmase á rede de “Cidades amigas dos nenos”
O Concello de Silleda ten previsto sumarse á proposta de adhesión á rede de “Cidades amigas dos nenos”, un proxecto nacido nos anos 90 en Italia, da man do investigador Francesco Tonucci, e que ten como obxectivo crear localidades nas que os nenos e nenas poidan vivir unha experiencia coma cidadáns autónomos e participativos.
O que se pretende mediante esta iniciativa é mellorar aspectos da vida cotiá dos nenos, como a seguridade, (xogar sen perigos nas rúas), ou a mobilidade, (poder ir e vir sós á escola), actividades absolutamente comúns hai anos, e que hoxe en día se consideran inviables pola súa perigosidade.
Tamén se fai énfase na participación dos nenos nas decisións municipais que lles poidan afectar, propoñendo ideas, e mesmo realizando algún dos seus proxectos, de maneira que se consiga crear unha cultura da infancia nos adultos, e que éstes aprendan a tomar decisións, sabendo o pensamento e as esixencias dos rapaces.
O alcalde, Manuel Cuiña, asistiu en días pasados a unha xuntanza celebrada na Deputación de Pontevedra , que liderará a posta en marcha desta rede na provincia. “Dende o goberno municipal consideramos que se trata de unha iniciativa moi interesante para atender, en distintos ámbitos á nosa infancia”, sinala.
Con esta iniciativa non se busca tanto aumentar recursos e servizos para os máis novos, senón de construír un espazo de convivencia diverso e mellor para todos.
O proxecto pretende promover dous aspectos fundamentais da vida dun neno: a súa autonomía e a súa participación.
Unha das formas máis significativas da participación infantil, que forma parte desta iniciativa é o chamado Consello dos Nenos, unha entidade na que se promove a participación da infancia na toma de decisións dos municipios.
“En Silleda xa temos experiencias enriquecedoras neste sentido, coma a celebración dos chamados Plenos infantís, e queremos seguir apostando por fórmulas coma esta”, indica o alcalde.











