Preséntanse un total de 84 ofertas para a realización das obras de saneamento en Sobrido, Carballo e Meixe
A actuación do Concello de Riveira encamiñada á dotación de saneamento nos lugares de Sobrido, Carballo e Meixe (todos eles situados na parroquia de Oleiros) viviu un número inusitado de ofertas, presentadas por parte de empresas se postularon á execución das obras no concurso público: un total de 84.
No noso municipio, a actuación que máis se aproxima a esta cantidade de ofertas nos últimos anos tivo que ver coa realización doutro saneamento: o de Olveira de Arriba e Reiriz, que no 2012 congregou un total de 68 ofertas.
A actuación de Sobrido, Carballo e Meixe, que ten un prezo de licitación de 311.144,74 euros un prazo de execución de seis meses, está pendente de adxudicar. Permitirá dotar a estes tres núcleos dun saneamento do que carecen, que entroncará coa rede existente e que precisará, dada a orografía do terreo, a construción de dous estacións de bombeo.
Así mesmo, será preciso instalar ata 1911 metros de tubaxes para entroncar coa rede existente: 1.361 metros de tubaxe de PVC SN4 liso de 315 milímetros de diámetro e de 550 metros de tubaxe de polietileno de alta densidade, esta última para a impulsión do saneamento.
Deste xeito, a tubaxe de PVC recollerá as augas fecais das vivendas ata unha estación de bombeo en Sobrido (punto de cota máis baixa) e dende esta e cunha tubaxe de impulsión chegarase ata un pozo de nova construción situado no punto de cota máis alta que conducirá en tubaxe de PVC e por gravidade as augas fecais dende o lugar de Sobrido e pasando por Carballo, ata outra nova estación de bombeo situado en Meixe, nas inmediacións do río Arlés. Tamén se saneará o lugar de Meixe recollendo en tubaxe de PVC e por gravidade as augas fecais ata o pozo de bombeo deste lugar. De aí e con tubaxe de impulsión chegarase a un pozo de rexistro xa existente no lugar de Gándara.











