O Concello de Silleda colaborará coa Kedada Solidaria en BTT o 20 de marzo

Reunión dos organizadores coa concelleira de Deportes
O vindeiro día 20 de marzo celebrarase en Silleda a terceira edición da Kedada Solitaria en BTT, organizada polo CCTrasdeza. A concelleira de Deportes, Ana Luisa González, e o técnico municipal do departamento, mantiveron hoxe un encontro con membros da organización para comezar a perfilar este exitoso roteiro.
Ademais do presidente do Club Ciclista Trasdeza, Rubén Vázquez, na reunión tamén estivo presente Tomás Baúlde. A Kedada Solidaria en BTT volverá a discorrer por algúns dos lugares máis emblemáticos do municipio, como o mosteiro de Carboeiro e o seu entorno ou a Fervenza do Toxa, e contará cun percorrido total de 45 kilómetros.
“Dende o Concello de Silleda poñémonos a disposición dos organizadores para colaborar no que sexa preciso, xa que se trata dunha cita solidaria, coa que se recollen moitísimas provisións para o Banco de Alimentos de Silleda Solidaria, e que estamos seguros se consolidará nesta edición no calendario de actividades deportivas do municipio”, indica a concelleira.
A día de hoxe a organización agarda contar cuns 300 participantes no roteiro, unha cifra que da idea do crecemento desta iniciativa, que xa o pasado ano xuntou en Silleda a preto de 200 participantes.
Neste primeiro encontro comezaron a perfilarse os detalles da colaboración municipal coa que será a III Kedada Solidaria en BTT, “unha cita que ademais do seu carácter solidario e deportivo tamén serve para dar a coñecer dende o punto de vista turístico o noso municipio”, engade a concelleira, recalcando que haberá “total colaboración do Concello con esta iniciativa”.











