publicidade hoxe

Urbaser e Concello de Riveira lanzan unha campaña de sensibilización de recollida selectiva

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Baixo o lema de “Non sexas perezoso, á natureza e ao teu concello cústalles moito”, a empresa Urbaser vén de activar xunto co Concello de Riveira unha campaña de sensibilización sobre recollida selectiva no municipio.

Na praza do Concello compareceron para presentar esta iniciativa o alcalde Manuel Ruiz, o delegado territorial da actual entidade concensionaria do servizo de limpeza, Luis Torre; o xefe de servizo a nivel local, Gustavo Villasuso; e o concelleiro de Benestar Comunitario, Emilio Pérez.

Ruiz Rivas destacou que ademais dos aspectos ambientais inherentes a unha campaña destas características, a acción reviste tamén un interese económico xa que unha separación de residuos axeitada a nivel veciñal repercute positivamente nas arcas do Concello e incluso podería levar a diminuír as taxas de recollida.

Incremento na recollida

Ao fío disto, o alcalde informou dunha serie de datos respecto á recollida selectiva no Concello. Así, respecto do contedor amarelo, o volume de toneladas recollidas incrementouse nun 17,7% (de 406 en 2014 a 478 en 2015), habendo catro días de recollida semanais (luns, martes, xoves e venres, máis os sábados como xornada de reforzo no casco urbano de Riveira) en horario de 7 a 13.20 horas. 

En canto ao contedor azul para papel e cartón, tamén aumentou o número de toneladas, neste caso no 23,5% (de 280 a 345), con seis días de recollida á semana en horario de 6 a 12 do día. 

Tamén manifestou que se van a incrementar en 20 o número de contedores de vidro, aínda que este non é un servizo xestionado por Urbaser. 

Pola súa parte, Luis Torre informou de que a campaña consta entre outras accións da panelación de dous camións de recollida con imaxes do municipio e a mensaxe “Riveira é un tesouro, coidémola reciclando”, a colocación de pegatinas en contedores que inclúen códigos QR con información de interese, así como outro material divulgativo que será distribuído entre os distintos colexios e comercios do municipio. 

Feces de cans

Por outra parte, Manuel Ruiz tamén informou de que polos comercios das rúas peonís da cidade serán repartidos 500 estuches con bolsas para a recollida de defecacións de cans, ao tempo que a Policía Local velará por que se cumpran as ordenanzas municipais sobre este aspecto.

20 de xaneiro de 2016 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.