publicidade hoxe

Francisco Conde aposta en Riveira polos obradoiros para crear emprego de calidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+
Francisco Conde na visita a Riveira

Francisco Conde na visita a Riveira

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destina este ano 14 millóns de euros aos obradoiros de emprego para mellorar a cualificación das persoas sen emprego e crear emprego estable e de calidade. O titular do departamento económico, Francisco Conde, visitou hoxe o programa mixto de formación e emprego ‘Tahume II’, que comparten os concellos de Riveira e Porto do Son, e no que se está a investir preto de 190.000 euros para cualificar a 21 alumnos e alumnas nas especialidades de carpintería e moblería.

Conde destacou que unha das prioridades da Xunta é apostar pola formación de calidade e, neste senso, sinalou que os obradoiros de emprego están vinculados á obtención dun certificado de profesionalidade con validez nacional. “Estes programas son un instrumento eficaz para a mellora da empregabilidade porque ofrece formación de calidade e acceso a un emprego”, subliñou. Outras das vantaxes dos obradoiros, segundo resaltou o conselleiro, son a realización de obras e servizos para a comunidade e o fomento da colaboración institucional, xa que estes programas lévanse a cabo coa coordinación da Administración local. Así, indicou que os obxectivos destes programas, que a Xunta seguirá a impulsar, son “a formación e capacitación, inserción laboral e a colaboración cos concellos”.

Entre os traballos que os alumnos están desenvolvendo a través de ‘Tahume II’ destacan en Riveira a construción de mobiliario urbano en madeira e outro tipo de equipamentos para o Conservatorio de Aguiño, así como o acondicionamento da pasarela de madeira do Carreiro e a senda no Parque Natural de San Roque. E en Porto do Son o arranxo das pasarelas de acceso ás praias ou creación de mobiliario para os centros públicos de ensino de Portosín, Santa Irene, Xuño, Caamaño, Seráns, Queiruga e Baroña ou a Escola Municipal de Danza. 

Así mesmo, Conde destacou que a capacitación dos traballadores e traballadoras galegos é un dos eixos principais da Axenda de Emprego na que se destinan 75 millóns de euros para a formación. “É unha ferramenta de traballo adapta á recuperación económica que responda aos perfís profesionais que precisan as nosas empresas para competir, crecer e xerar emprego”, apuntou. En definitiva, afirmou que cos obradoiros de emprego “gañan os traballadores porque teñen a oportunidade de formarse e incrementar a súa inserción laboral e os concellos e cidadáns porque melloran as infraestruturas e servizos dos concellos”.  

15 de xaneiro de 2016 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.