Cores Tourís anuncia en Silleda que a Xunta destina 250.000 euros para constituír sociedades de fomento forestal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Cores Tourís en Silleda

Cores Tourís en Silleda

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá, acompañado do xefe territorial de Medio Rural, Miguel Pérez Dubois, o lugar de Parada en Silleda, onde anunciou a nova liña de axudas da administración autonómica para a constitución de sociedades de fomento forestal (Sofor).

Cores Tourís realizou este anuncio en Silleda, xa que Parada e Outeiro foron un dos primeiros lugares que puxeron en marcha unha SOFOR en Galicia no 2013. Esta zona foi repoboada a finais dos anos 90 e o seu mantemento foi, segundo o delegado territorial, “exemplar”.

A Sofor (Sociedade de Fomento Forestal) ten como obxectivo a xestión conxunta das propiedades forestais, e representa unha das principais apostas da Xunta de Galicia en materia de ordenación do monte galego, que busca a viabilidade económica e o sostemento dos recursos forestais. “Con este tipo de sociedades de xestión, o Goberno galego pretende reducir o abandono do monte e deixar atrás o minifundismo que impide o despegue do sector forestal en Galicia”, explicou Cores Tourís, quen deixou claro que se trata dun modelo voluntario, que se basea no mantemento da propiedade por parte dos titulares dos tereos cun obxectivo social especificamente orientado á xestión, aproveitamento e comercialización dos recursos de xeito conxunto.

Con esta visión, a Consellería de Medio Rural acaba de publicar, no DOG do 23 de decembro de 2015, a nova liña de axudas para a constitución e iniciación da actividade de sociedades de fomento forestal para 2016, cun orzamento de 250.000 euros.

O prazo para presentar a solicitude remata o 15 de marzo do presente ano, e permitiría dous tipos de subvencións: para constituír unha Sofor, sexa con inscrición previa ou definitiva no Rexistro de Sociedades de Fomento Forestal; ou ben para iniciar a actividade das sociedades con inscrición definitiva.

En relación á constitución, os beneficiarios poden ser agrupacións de persoas propietarias forestais; outras entidades xurídicas de dereito privado que agrupen persoas propietarias forestais coa finalidade de xestionar e comercializar en común os recursos forestais dos seus terreos; ou as Sofor con inscrición previa para obter a definitiva.

En Galicia actualmente están funcionando cinco sociedades de fomento forestal, catro delas na provincia de Pontevedra. Así, dúas atópanse no concello de Silleda, unha en Outeiro cunha superficie total de 180,19 hectáreas, 43 propietarios e 217 parcelas e a de Parada, con 708 parcelas, 36 propietarios e 308,08 hectáreas. A terceira en A Estrada, en Requián cunha superficie de 144,75 hectáreas, e finalmente, a cuarta en Lalín, en Lebozán, con 37,72 hectáreas.

14 de xaneiro de 2016 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.