Consensúanse as bases do Programa Municipal á Creación de Emprego que se aprobarán no pleno do xoves
Hoxe celebráronse no Concello de Silleda as comisións informativas previas ao pleno do xoves, nas que entre outros asuntos se abordaron as bases do Programa de Axudas Municipais á Creación de Emprego.
As bases foron dictaminadas favorablemente para a súa aprobación no pleno deste xoves, regulando a concesión das axudas para o presente exercicio.
Logo da súa posta en marcha hai uns meses, o goberno municipal optou por remodelar e mellorar os criteiros para outorgar estas axudas –a fondo perdido-, reformando o texto xunto co resto dos grupos municipais.
As novas bases, ademais de cambiar a nomenclatura do programa (antes se denominaba de axuda a emprendedores), introducen unha serie de criterios que puntuarán as solicitudes, podendo chegar a subvención ata un máximo de 3.000 euros (antes eran 2.000 euros), cun baremo de 30 euros por punto.
Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración; a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I.
Tamén se acordou outorgar a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.
“O grande obxectivo que nos propuxemos con este programa é en definitiva a creación de emprego, e consideramos que con estas modificacións se mellora notablemente o programa municipal para o que contamos cunha partida inicial de 25.000 euros, que se podería ampliar se fora necesario”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.
As bases introducen tamén novidades como a esixencia dun prazo mínimo de apertura de un ano. De feito, unha vez concedidas as axudas faránse efectivas co pagamento do 75% no momento de ser outorgada a subvención, e o 25% restante aos seis meses.
O alcalde lembra que o regulamento actual xa foi aprobado por unanimidade dos tres grupos no pleno de setembro, “ e agora tal e como xa avanzaramos no seu día, volvemos a contar con todos os grupos para mellorar esta iniciativa”, engade, agradecendo as aportacións dos voceiros.











