A ruta promocional do Lúatlon en memoria de Luis Miguel Figueiro recala en Silleda este mércores
A ruta promocional do Lúatlon, o III Memorial Luis Miguel Figueiro chega mañá ao municipio de Silleda. Alberto Figueiro, promotor e e creador deste duatlón en memoria do seu irmán Luis Miguel “Lu”, falecido en xaneiro de 2013 a causa dun cancro, será recibido por membros do goberno municipal de Silleda, onde remata a segunda das etapas da ruta solidaria que o levará este ano ata Barcelona.
Alberto Figueiro recorrerá en 11 días os 1.213 kilómetros ata a cidade condal a onde ten previsto chegar o 29 de xaneiro, día do terceiro aniversario da morte do seu irmán.
Con esta iniciativa Figueiro, veciño de O Grove, recauda fondos a favor da Asociación Española Contra o Cancro.
Está previsto que a etapa Caldas de Reis-Silleda remate coa recepción no consistorio silledense ás 14.00 horas.
Logo dunha primeira exitosa edición da carreira Lúatlon, con máis de 1.000 participantes, Figueiro optou por realizar rutas promocionais como a que comezou hoxe dende O Grove a Barcelona. O pasado ano chegou en bicicleta e a pé ata Madrid.











