A I Feira da Enerxía de Galicia presentouse nas xornadas sobre o sector enerxético do Colexio de Enxeñeiros Industriais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaSilleda
A-
A+
Presentación da Feira de Enerxía de Galicia. Foto: Iago López

Presentación da Feira de Enerxía de Galicia. Foto: Iago López

A Feira da Enerxía de Galicia, a cal se celebrará do 14 ao 16 de abril na Feira Internacional de Galicia ABANCA, foi presentado esta mañá nas V Xornadas de Enxeñería, Enerxía e Industria (XEEI 2016) organizadas en Santiago de Compostela polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia co patrocinio de Iberdrola e a colaboración de Castrosúa.

Ricardo Durán, director do recinto feiral, foi o encargado de dar a coñecer aos asistentes este certame. Durante a súa intervención fixo fincapé na importancia de que Galicia conte cunha feira deste ámbito, debido á relevancia do sector na comunidade e o seu peso a nivel do Estado, ao tempo que subliñou que esta cita é a única do noroeste peninsular que aglutina todos os tipos de enerxía e que conta co apoio dun comité organizador conformado por 25 destacadas empresas e entidades do sector enerxético. 

Ademais, Durán detallou distintos aspectos deste certame que pretende ser un referente nacional, como os sectores convocados ou a importancia do programa de xornadas técnicas.

Xornadas sobre innovación no sector enerxético 

As V Xornadas de Enxeñería, Enerxía e Industria nas que tivo lugar a presentación centráronse nesta edición na innovación no sector enerxético, sobre a cal debateron unha ducia de prestixiosos profesionais. 

Así, tras a súa inauguración, a cargo de Emérito Freire, subdirector técnico do INEGA, Xan Duro, concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia do Concello de Santiago; e Oriol Sarmiento, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, tiveron lugar tres mesas redondas. 

A primeira delas abordou a innovación no sector eléctrico, a cargo de representantes de Iberdrola e Red Eléctrica Española, quenes falaron respectivamente sobre “Os retos de futuro na enerxía eólica mariña: o caso de Galicia” e “Innovación no transporte da enerxía eléctrica” 

A segunda centrouse na innovación en mobilidade e vehículos ecolóxicos, sendo responsables de Iberdrola  e Carrocera Castrosúa os que debullaron “O vehículo eléctrico contra o cambio climático: situación actual e futuro” e “Vehículos eléctricos con Gas Natural Comprimido”. 

Na última das mesas falouse sobre “A innovación permanente: Smart Cities”. Nela profesionais de Elinsa e Ascensores Schindles falaron sobre “Autoconsumo e Smart Cities” no primeiro caso  e “Innovación enerxética en ascensores eficientes” no segundo.

A xornada foi clausurada por Manuel Varela Rey, director da Axencia Galega de Innovación (GAIN); Fernando Blanco, delegado en Santiago do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e Francisco Silva, delegado de Iberdrola en Galicia.

28 de xaneiro de 2016 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.