Working Wheels impartirá unha xornada de integración e deporte en Silleda o vindeiro martes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O colectivo Working Wheels de Lalín compartirá o vindeiro martes día 22 unha xornada de integración cos veciños e veciñas de Silleda, especialmente cos máis novos. A superación é a máxima de Álex e Alberto, dous deportivas que integran este colectivo que ten como principal reto facer visibles as discapacidades nas distintas competicións deportivas ás que asisten.

Dende o Concello de Silleda anímase ao máis novos a asistir a esta sesión que terá lugar no pavillón municipal César González Fares de Silleda a partir das 17.00 horas. “Cremos que será unha sesión moi interesante para compartir cos integrantes de Working Wheels unha xornada na que a integración e a concienciación serán as protagonistas xunto coa práctica de distintas modalidades deportivas”, indica a concelleira de Deportes, Ana Luisa González Costa.

Ademais a concelleira agradece ao colectivo a súa dispoñibilidade e colaboración con esta xornada.

Esta sesión é unha das novidades do programa de Nadal do Concello de Silleda, que conta con preto de 40 actividades e actuacións solidarias nas que se recollen fondos para a axudar aos campamentos do Sáhara Occidental devastados polas inundacións do pasado mes de outubro.

Mañá, campionato de ping pong

As actividades deportivas tamén figuran no programa deste ano con citas coma o campionato de ping pong que terá lugar mañá venres na Casa da Xuventude. E o vindeiro día 31 recupérase a carreira  de San Silvestre polas rúas de Silleda. Os que desexen participar poden anotarse na Casa da Xuventude. 

17 de decembro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.