Silleda Park inaugura mañá once días de diversión para os máis pequenos coa actuación de Panorama Kids
O parque de atraccións Silleda Park, organizado pola Feira Internacional de Galicia ABANCA, ponse en marcha mañá no recinto feiral para ofrecer aos máis pequenos once días de diversión durante este Nadal. Este evento, o primeiro da entidade dedicado aos nenos, terá lugar en días alternos, que irán dende mañá ata o vindeiro domingo día 20, do 25 ao 27 e tamén do 2 ao 5 de xaneiro, sendo o seu horario de 16.00h a 21.00h.
Os asistentes terán unha ampla oferta de atraccións, cun saltamontes, unha pista de coches, un dragón, unha olla, un tiovivo, un barco, un tirachinas e diversos inchables (futbolín humano, búfalo, tobogán xigante, etc), ás que se sumarán pistas de fútbol, baloncesto e karting e tamén trece máquinas recreativas.
Ademais, levaranse a cabo diversas actividades, como exhibicións deportivas e espectáculos de gran vistosidade. Así, nestes primeiros catro días o parque de atraccións acollerá, mañá, a actuación de Panorama Kids, e o domingo, a cargo das Escolas Deportivas de Silleda, clases de Kung Fu e Zumba para os nenos presentes e tamén exhibicións de Kung Fu por parte dos profesores.
Xa nos vindeiros días terá lugar a actuación de El Show de los Payasos, o día 26 de decembro, unha exhibición de Zumba Batudance de Pobra do Caramiñal o día 27 e a Cabalgata de Reis de Silleda o 5 de xaneiro, ademais dalgunha outra proposta, podéndose consultar os horarios en www.feiragalicia.com/silledapark.
Panorama Kids
O Silleda Park inaugúrase mañá cunha actividade moi atractiva, a actuación de Panorama Kids, a cal dará comezo ás 18:30 horas.
Trátase dun musical tanto para nenos como para que desfruten os maiores, no que a través dunha historia aparecerán en escena personaxes como Aladín, La Bella y la Bestia ou La Sirenita, entre moitos outros, os cales se mesturarán con coreografías e sorpresas.
Entradas
O prezo da entrada para o Silleda Park será, tanto para nenos como para adultos, de 5€ presentando invitación, a cal se pode descargar da web www.feiragalicia.com/silledapark. De non presentar invitación o prezo será de 7€, aínda que polas facilidades ofrecidas pola entidade feiral todo o mundo terá a posibilidade de pagar só 5€.
Coa entrada os asistentes poderán acceder a todas as atraccións as veces que queiran e tamén desfrutar das actividades do parque, con só dúas excepcións. Estas serán, no caso das atraccións, a pista de karting e as máquinas recreativas, que terán un prezo módico, e no caso das actividades, a actuación de Panorama Kids. Respecto a esta última, mañá a entrada só ao parque seguirá sendo de 5€ pero o acceso á actuación será de 12€, se ben esta tamén da dereito a subir ás atraccións.











