Salimat Abanca e Clúster Alimentario de Galicia unen forzas para a profesionalización do salón e potenciar os Encontros de Compradores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Sinatura do acordo

Sinatura do acordo

A Feira Internacional de Galicia ABANCA e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), representados polo director da primeira, Ricardo Durán, e polo xerente do segundo, Roberto Alonso, asinaron onte un acordo mediante o cal ambas entidades pretenden incidir na profesionalización do vixésimo Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat 2016, e potenciar os seus Encontros Internacionais de Compradores. A feira celebrarase no recinto do 9 ao 12 de xuño.

En virtude do acordo subscrito  o Clúster Alimentario de Galicia dirixirá a organización destes Encontros de Compradores, aportando a súa experiencia para seleccionar aqueles importadores máis importantes dos países con maior interese para a oferta alimentaria presente no salón.  Así mesmo, a entidade aportará unha importante novidade aos Encontros, xa que deseñará axendas de visitas a fábricas nas que os importadores coñecerán de primeira man os centros de produción de diversas empresas alimentarias e bodegas galegas. Será a primeira vez que se leven a cabo estas visitas no seu marco.

Deste modo continúa a darse resposta ás achegas realizadas na pasada edición polo comité de expertos do certame, as cales incidían na importancia de fortalecer o carácter profesional da feira durante os dous primeiro días. Así mesmo, maximizarase a efectividade destas reunións de negocio coas que dende fai unha década Salimat Abanca ofrecer ao sector alimentario unha importante plataforma de internacionalización, e que na pasada edición propiciaron 1.100 encontros  entre 70 expositores e 28 importadores, distribuidores e restauradores de EE.UU, México Brasil, Colombia, Panamá, Xapón, China, Rusia, Marrocos, Alemaña, Reino Unido, Francia, Italia e España.

Para a celebración destas reunións de negocio en 2016 volverase a contar co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), piar fundamental para o seu desenvolvemento.

Reforzo da área expositiva 

Por outra banda, a través deste acordo preténdese reforzar tamén a parte expositiva de Salimat Abanca, para o cal dende a entidade feiral se incentivará a presenza dos socios do Clúster Alimentario de Galicia cun desconto para eles dun 30% no custe do espazo feiral.

Ademais, nin a Feira Internacional de Galicia ABANCA nin o Clúster descartan levar a cabo outras formas de colaboración en pro do sector alimentario galego. 

Clúster Alimentario de Galicia

O Clúster, centrado nun dos sectores estratéxicos da Comunidade, agrupa aos principais axentes da cadea de valor dos alimentos e as bebidas, co obxectivo de contribuír ao fortalecemento, potenciación, crecemento sostible, internacionalización e mellora da competitividade do sector en Galicia. E para elo analiza os mercados, anticipa tendencias e establece estratexias de posicionamento, ademais de impulsar a cooperación e os proxectos conxuntos entre os distintos axentes traballando para construír o valor dunha marca asociada a Galicia que sexa recoñecida e valorada internacionalmente como de excelencia en alimentos e bebidas.

15 de decembro de 2015 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.