publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Política Social consolida o compromiso coas persoas que sofren parálise cerebral cun incremento do 340% no convenio con ASPACE-Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSada
A-
A+
Rey Varela no encontro con representantes de ASPACE-Galicia. Foto: M. Fuentes

Rey Varela no encontro con representantes de ASPACE-Galicia. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro de traballo cos representantes da Federación Galega de Asociacións de Atención a Persoas con Parálise Cerebral e/ou Patoloxías Afíns (ASPACE-Galicia). Na sede sadense de ASPACE, o titular da área social manifestou a importancia das persoas que sofren parálise cerebral e comprometeu o “traballo sen descanso” do Goberno Autonómico para acadar “a total integración e a igualdade de oportunidades deste colectivo na sociedade”. Proba deste compromiso -anunciou o conselleiro- é o importe de 85.000 euros polo que se asina o convenio coa Federación para o vindeiro ano 2016 e que supón un incremento do 340% respecto ao convenio asinado en 2015.

Neste sentido, o conselleiro apuntou cara o traballo da Consellería de Política Social para “acadar o benestar e a óptima calidade de vida das persoas con parálise cerebral”. Así, a Xunta de Galicia concerta entre todas as sedes de ASPACE un total de 199 prazas que supoñen un investimento de 3.309.020 euros.

A Federación ASPACE está presente no Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI). Nesta liña, o mandatario da carteira social lembrou a participación do presidente da Xunta de Galicia no encontro de traballo cos responsables do CERMI que tivo lugar o pasado mércores nas dependencias de San Caetano, como mostra do compromiso do Goberno galego coa plena integración das persoas que forman parte deste colectivo.

ASPACE-Galicia

AMENCER-ASPACE nace no ano 1991 a partir dun grupo de nais e pais. A Federación ASPACE Galicia constituíuse en Sanxenxo en 1999 e engloba as asociacións de AMENCER-ASPACE, APAMP, ASPACE Coruña, ASPACE Lugo e Hoy por Mañana.

A nivel nacional, ASPACE está integrada por 70 entidades, que xestionan 124 centros, ten 15.400 asociados, atende a 7.000 persoas, co traballo de 3.200 profesionais e 1.320 voluntarios. O obxectivo é que todas as persoas con parálise cerebral alcancen o máximo nivel de desenvolvemento persoal así como mellorar a calidade de vida deste colectivo e lograr a plena integración para conseguir a igualdade de oportunidades.

Máis recursos a discapacidade

Na visita á sede de ASPACE, o responsable da área social manifestou que “a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia é un dos piares desta Consellería”. Así, dixo o conselleiro, a Comunidade Autónoma de Galicia é ”pioneira en ter unha carteira específica de servizos sociais dedicada a esta materia” polo que ten unha maior especialización e programas concretos para todos os colectivos diferentes como alzhéimer, parálise ou dano cerebral, trastorno do espectro autista, enfermidade mental ou intelectual.

Ademais, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade aumentou máis de 17 millóns de euros o seu peso nos Orzamentos da Xunta para 2016 ata chegar aos 281,3 millóns de euros, sendo o orzamento consignado en 2015 de 264 millóns de euros. Para o vindeiro exercicio 2016, no que atinxe a atención ás persoas con discapacidade, a Consellería de Política Social pon en marcha novas iniciativas con financiamento europeo. Estas son: unha liña de axudas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, a creación dun banco de produtos de apoio e axudas individuais destinado a adquisición de servizos da autonomía persoal, a modernización de centros públicos con novos equipamentos tecnolóxicos que sirvan de apoio para a atención dos usuarios e melloren as condicións de traballo dos profesionais (cun investimento de 2,9 millóns de euros); e novos programas de formación e asesoramento para coidadores/as de persoas con discapacidade. Ademais, en 2016 reforzarase nun 20% o apoio económico ás federacións integrantes no CERMI acadando esta partida os 3,6 millóns de euros.

4 de decembro de 2015 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.