O mosteiro de Carboeiro acolle unha mostra de tallas de madeira de Victor Arias, Vituco

Mostra de Vituco
O mosteiro de Carboeiro acolle dende mañá xoves a mostra “Lembranzas do pobo”, con tallas de madeira realizadas por Victor Arias Souto, alias Vituco. Este veciño de Fontao (Vila de Cruces), de 52 anos de idade, amosa distintas creacións artísticas en madeira, feitas nalgún caso con motoserras. Creador autodidacta, logo de iniciarse co debuxo e a pintura decidiu pasarse ás tallas “para sentir as formas e perfís”.
Esta mostra enmárcase dentro do programa de Nadal, que tamén chegará a Carboeiro, -un dos lugares máis visitados non só do municipio senon tamén da comarca de Deza-, da man do Apalpador.
Esta figura mítica do Nadal, sobre todo na zona rural galega de montaña, estará exposto no mosteiro, cunha figura realizada polo recoñecido sartista silledense José Antonio Fondevila, unha réplica case a tamaño natural deste personaxe.
Ademais durante estas datas de Nadal dende o Concello anímase aos visitantes e turistas a deixar no mosteiro románico lemas para celebrar estas datas.
Na xornada do venres día 11 dará comezo tamén nos Centros de Saúde de Silleda e da Bandeira a actividade Lendo espero, de animación á lectura, coa achega de distintos títulos da Biblioteca Municipal Daniel Castelao aos pacientes para amenizar as agardas nos dous centros sanitarios.
Concursos
Por outra banda, as bases dos dous concursos organizados este ano dende o Concello de Silleda –o concurso de escaparates e do de selfies, unha das novidades desta edición-xa poden consultarse na web municipal www.silleda.gal.











