O Concello de Silleda mantén abertos 11 expedientes a propietarios de fincas sen limpar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O Concello de Silleda ten abertos a día de hoxe un total de 11 expedientes a veciños e veciñas que son propietarios de solares ou fincas que incumplen a normativa vixente en materia de conservación do seu estado.

Xa antes dos meses de verán se enviaron a distintos propietarios comunicacións informándolle das súas obrigas para manter limpas as súas fincas ou solares. “Aínda que algúns sí responderon á petición, foron casos contados, xa que lamentablemente a maioría dos propietarios comunicados obviaron os requerimentos feitos dende o Concello”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Ademais de solares sen limpar en zonas urbanas, tamén hai expedientes que fan referencias a fincas en zonas rurais, cun estado de abandono que afectan a propiedades colindantes, ou propiedades con árbores que pola súa distancia ás vivendas están a incumplir a normativa de prevención e protección contra incendios.

Denuncias veciñais e sancións nos vindeiros días

Na maioría dos casos, sobre todo no relativo ao rural,  son os veciños afectados, propietarios de parcelas colindantes os que informan ao Concello denunciando a situación.  Dos expedientes abertos, a maioría seguen o seu curso “e nos vindeiros días resolveremos xa con sancións económicas á vista da gravidade dalgúns casos”, alerta o alcalde.

Cuiña explica que hai algún expediente no que se chegaron a enviar varios requerimentos aos propietarios para executar a limpeza e adecentamento das súas propiedades. “Este asunto estase a convertir cada vez nun problema máis grave, polo que –coa normativa na man- actuaremos en consecuencia”, engade o rexedor. Outra das posibilidades que contempla a normativa –entre elas a Ordenanza de Convivencia, Limpeza e Ornato aprobada en 2011- é a da execución subsidiaria, que se aplicaría nos casos máis graves, procedendo o Concello a limpar as fincas e pasando os gastos aos propietarios, aínda que esta opción ás veces plantexa problemas dende o punto de vista práctico.

O alcalde incide en que o número de expedientes vén aumentando nos últimos anos “e hai unha normativa que dende o Concello temos que facer cumplir”, reitera advertindo que hai casos “moi graves” nos que mesmo a maleza se suma á presenza de residuos nas parcelas.

Proceso complicado

Así mesmo, danse casos de expedientes que se están a complicar por temas relacionados coa propiedade. Varios herdeiros, propietarios que residen no extranxeiro, fincas embargadas… son algunhas das complicacións que a veces se atopan os servizos técnicos municipais con este tipo de expedientes. “Aínda que habitualmente se localiza ao propietario, hai varios casos nos que a súa identificación se complica por distintas circunstancias”, engade o alcalde.

17 de decembro de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.