publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O BNG pide xustiza para unha muller que afronta un xuízo por “despedimento político”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPazos de Borbén
A-
A+
Europa Press
Representantes do BNG prestando apoio a Maite antes do xuízo

Representantes do BNG prestando apoio a Maite antes do xuízo

O Bloque Nacionalista Galego trasladou a súa solidariedade e “pleno apoio” a Maite Mouriño, quen este venres afronta o xuízo por ser despedida do seu posto de traballo por suposta “discriminación política” ao concorrer no número tres da candidatura da formación nacionalista en Pazos de Borbén (Pontevedra).

Así o comunicaron previamente a iniciarse o xuízo no Xulgado do Social número un de Vigo, o secretario de organización do BNG, Bieito Lobeira; a candidata de NÓS-Candidatura Galega, Carme Adán; e a propia Maite Mouriño, que estiveron acompañados por afiliados e simpatizantes do BNG ataviados con carteis de ‘Solidariedade’ e ‘readmisión xa’.

Ante os medios de comunicación, Lobeira reparou en que Maite Mouriño, que levaba 11 anos no seu posto de traballo sen ter “ningún tipo de problema para desenvolver as súas funcións”, foi “represaliada” por presentarse como candidata por unha lista electoral. “Foi represaliada por cometer o enorme delito de ser candidata do BNG nas pasadas eleccións municipais”, ironizou.

De feito, os nacionalistas indicaron que no momento no que Mouriño se presentou como candidata polo BNG se iniciou “un proceso de seguimento, persecución, e control a través dunha axencia de detectives contratada pola empresa”. “É francamente detestable dende un punto de vista ético”, censuraron.

Nesta liña, Adán criticou que este despedimento é “claramente político” e sinalou que é “absolutamente inadmisible que se vulnere un dereito fundamental que é o dereito a participar da vida política e poder presentarse como candidata por calquera lista electoral”. Por iso confiou en que “se faga xustiza”.

“Non é de recibo que este tipo de situacións se dean no ano 2015, isto é impensable nunha sociedade democrática”, incidiron os nacionalistas, que mantiveron que esta situación “é unha radiografía da situación que padece Galicia dende o punto de vista laboral: Salarios máis baixos, sinestralidade máis alta e, enriba, persecución por motivos políticos nun posto de traballo”.

INACCIÓN DA XUNTA

Carme Adán recordou que en relación a estes feitos presentou no Parlamento galego unha pregunta ao vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, “sobre que significaba esta vulneración dun dereito fundamental”. Non obstante, apuntou que “o Goberno galego non fixo nada”.

“Lamentamos muchísimo que os poderes públicos e en concreto o Goberno galego, que ten competencias en materia laboral, declinase calquera tipo de actuación en defensa dun dereito inalienable como é a participación política por parte de calquera persoa e traballador”, engadiu Lobeira.

Os nacionalistas remarcaron que “a sociedade galega non pode quedar impasible ante este auténtico ataque á liberdade de expresión, de pensamento e de participación política” e repararon en que Mouriño “é o exemplo de que temos que seguir conquistando as liberdades políticas todos os días”.

Maite Mouriño dera conta en agosto de que na súa carta de despedimento consta como causa o feito de formar parte da lista do Bloque en Pazos como número tres durante unha baixa que se prolongou uns catro meses. Non obstante, segundo ela, a “persecución” só se produciu unha vez fíxose público que formaba parte da candidatura, pois a empresa lle puxo “un detective”.

18 de decembro de 2015 | 12:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.