O alcalde de Silleda convoca unha xunta de voceiros para renovar o regulamento do Plan Municipal de Axuda a Emprendedores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, vén de convocar para o vindeiro luns día 4 unha xunta de voceiros para abordar modificacións de mellora e perfeccionamento sobre o regulamento de concesión das axudas ao abeiro do Plan Municipal de Axuda a Emprendedores.

A cita será na sala de xuntas ás 11.30 horas, coa asistencia tamén da concelleira de Emprego, Ana Luisa González Costa.

O plan, posto en marcha este ano 2015 polo goberno municipal é unha das grandes apostas para a creación de emprego.

Dende a aprobación das bases neste primeiro ano de vixencia, que tivo lugar no pleno do pasado mes de setembro, outorgáronse un total de 5 axudas a emprendedores/as, que crearon outros tantos negocios, por valor máis de 8.000 euros en total. Hai ademais unha nova solicitude tramitada nos últimos días.

As axudas son  a fondo perdido, subvencionado o 50% de distintos gastos de apertura, ata un máximo de 2.000 euros cada unha.

O plan foi dotado neste exercicio con 15.000 euros e no orzamento municipal para 2016 figura xa unha partida inicial de 25.000 euros. “En principio temos reservada esta cantidade, pero como xa se avanzou poderase ir incrementando en función da demanda”, explica o alcalde.

Con esta xuntanza búscase mellorar o regulamento para a concesión das axudas, “tratando de aportar entre todos ideas e propostas que redunden en beneficio desta plan que ten como grande obxectivo loitar contra o desemprego no noso municipio e axudar aos nosos emprendedores e emprendedoras.

Dende o goberno municipal estímase que desta xuntanza podería salir un novo regulamento ou bases para aprobar no pleno ordinario do vindeiro mes de xaneiro.

Nas bases actuais recóllese que as entidades deben de ter o seu enderezo no municipio, ser empresas de nova creación e como mínimo un dos promotores debe de estar en situación de desemprego ao inicio da actividade.

30 de decembro de 2015 | 18:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.