As entradas para a actuación de Panorama Kids no Silleda Park poderanse adquirir a través de internet
O parque de atracción Silleda Park, o cal se celebrará no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA este Nadal, contará o seu primeiro día, 17 de decembro, cunha actividade especial, a actuación de Panorama Kids.
Trátase dun musical tanto para nenos como para que desfruten os maiores no que os asistentes poderán ver un vistoso espectáculo no que a través dunha historia aparecerán en escena personaxes como Aladín, La Bella y la Bestia ou La Sirenita, entre moitos outros, os cales se mesturarán con coreografías e sorpresas.
Os asistentes á actuación, que comezará ás 18.30 horas, poderán mercar o mesmo día 17 en taquilla as súas entradas, cun prezo de 12€, pero si desexan facelo con antelación tamén teñen dende hoxe a posibilidade de adquirilas a través de internet. Poden facelo na web Ticketea, directamente ou a través de www.feiragalicia.com/silledapark. Neste caso o prezo será de 12€ máis gastos de xestión.
En ambos casos a entrada, ademais de permitir o desfrute de Panorama Kids, tamén dará dereito a acceder ese día a todas as atraccións de Silleda Park.
Parque de atraccións
Silleda Park celebrarase durante once días, do 17 ao 20 e do 25 ao 27 de decembro e do 2 a 5 de xaneiro, sendo o seu horario de 16.00h a 21.00h.
Os asistentes terán unha ampla oferta de atraccións, cun saltamontes, unha pista de coches, un dragón, unha olla, un tiovivo, un barco, un tirachinas e diversos inchables, ós que se sumarán pistas de fútbol, baloncesto e karting e tamén trece máquinas recreativas. En canto a actividades, ademais da actuación de Panorama Kids, tamén haberá exhibicións deportivas, El Show de los Payasos o día 26 de decembro e a Fin da Cabalgata de Reis de Silleda.
O prezo da entrada ao parque será, tanto para nenos como para adultos, de 5€ presentando invitación (repartiranse en papel e tamén se poden descargar da web do evento). De non presentar invitación o prezo será de 7€, aínda que polas facilidades ofrecidas todo o mundo terá a posibilidade de pagar só 5€. O día 17 de decembro aqueles que queiran desfrutar unicamente das atraccións e non da actuación de Panorama Kids tamén deberán aboar 5€.











