A nova sede da Escola Municipal de Música de Silleda inaugurase o 6 de xaneiro
O vindeiro mércores 6 de xaneiro, día de Reis, terá lugar a estrea oficial da nova sede da Escola de Música de Silleda, no edificio do recinto feiral. O acto celebrarase ás 13.30 horas, presidido polo alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e coa actuación da Banda Municipal de Música de Silleda.
Durante os vindeiros días, e aproveitando as vacacacións de Nadal da Escola, realizarase o traslado do centro ata as novas dependencias onde se están a ultimar os traballos de acondicionamento.
A nova sede da Escola de Música de Silleda supuxo unha inversión de máis de 60.000 euros. As tarefas de acondicionamento iniciáronse por parte do Concello o pasado mes de xuño, co derribo de tabiques, retirada de falsos teitos e desmontaxe de lavabos e outro mobiliario.
Unha vez realizados, no mes de agosto iniciáronse os traballos de campo, por parte dunha empresa especializada do estudio acústico previo ao proxecto de acondicionamento.
As depedencias do centro están situadas na primeira planta do edificio, cunha oficina de administración, dúas aulas (unha de solfeo e outra de música en movemento), zonas e espazos comúns, dous recintos de aseo e un local de ensaio e 170 metros cadrados.
Os traballos de acondicionamento realizáronse seguindo os parámetros do estudo acústico, que marca as condicións de sonoridade na mellora dos distintos locais.
O traslado da Escola de Música chega logo do histórico acordo entre o Concello de Silleda e a Fundación Semana Verde polo que o antigo edificio das oficinas feirais que acollerá a Escola de Música pasa a ser de titularidade municipal, ao igual que a finca na que se construirá o Centro de Día Residencial de Maiores.











