O mosteiro de Carboeiro será escenario dunha concentración de vehículos clásicos este domingo
Este domingo día 22 celebrarase o IV Matosto da Escudería de Clásicos O Toxo, un percorrido que inclúe parada no emblema turístico da comarca: o mosteiro de Carboeiro. A cita comezará ás 10.00 horas coa concentración dos vehículos participantes na praza da Igrexa de Lalín, para continuar despois o camiño cara o mosteiro silledense, onde está prevista a chegada sobre as 11.30 horas. Alí, os integrantes da escudería realizarán unha visita guiada ás dependencias monacais. A continuación celebrarán unha comida de confraternidade en Vila de Cruces.
Está previsto que participen nesta iniciativa unha trintena de vehículos clásicos, e preto de 70 persoas.
A Escudería O Toxo, con sede en Vilatuxe, creouse hai seis anos e a día de hoxe conta xa con 130 socios, propietarios de alomenos un vehículo antigo. O clube realiza ao longo do ano varias rutas curtas con estes coches clásticos.
Entre os modelos destacan, como máis antigo un Ford T (de 1927-29), con rodas de madeira; un Renault Alpine dos anos 70 (un modelo bastante escaso) ou Cadillacs e Chevrolets dos anos 60.
Esta xuntanza en Carboeiro súmase á concentración celebrada o pasado mes de setembro con tractores clásicos tamén como protagonistas.











