O cociñeiro silledense Julio Mato, da Casa de Xantar A Culler, participa no concurso Santiago (é) Tapas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+
Tapa Noelisa

Tapa Noelisa

O restaurador Julio Mato del Río, da Casa de Xantar A Culler, de Silleda, será o protagonista este xoves do certame Santiago (é) tapas, organizado dende o grupo Área de Santiago, e que se está a desenvolver dende o pasado día 12 en Compostela.

A cita con Julio Mato será este xoves día 19 en O Afiador, situado no número 28 da rúa de San Pedro, en horario de 20:30 a 23:00 horas . O cociñeiro silledense participa por segundo ano consecutivo no certame, está vez coa tapa “Noelisa”, unha proposta inspirada nalgúns dos platos que protagonizan as citas festivas gastronómicas de Silleda: empanada, tortilla e paella.

Así, a tapa elaborada por Mato del Río conta con ingredientes propios da paella que se honra en Cortegada (unha especie de risotto de encurtidos ) ligado con xema de ovo (pola tortilla de Laro); salmón marinado; cebola cruxiente e minitosta de pan (estes dous últimos con evocación da empanada da Bandeira).

As tapas deste concurso teñen un prezo unitario para o público de 2 euros.

A concelleira de Turismo, Ana Luisa González, asistirá a esta cita “na que Silleda, como municipio integrante da Área de Santiago, volve a estar presente, desta vez coa exaltación de sabores de produtos que son tamén embaixadores da nosa localidade”, engade.

Ana Luisa González destaca ademais o traballo realizado por Julio Mato, “un dos valores da hostalería silledense, un sector  que dende o Concello de Silleda continuaremos apoiando”, engade.

17 de novembro de 2015 | 18:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.