O Barbanza produciu o 25% do mexillón de Galicia no 2014 cun valor económico que superou os 25 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRiveira
A-
A+
Quintana na visita ao cocedoiro de mexillón Barrañamar

Quintana na visita ao cocedoiro de mexillón Barrañamar

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, visitou este mediodía en Riveira o cocedoiro de mexillón Barrañamar. Alí, a titular de Mar destacou que no ano 2014 a comarca do Barbanza produciu un 25% do mexillón de Galicia, é dicir, das máis de 235.000 toneladas de mexillón descargadas nas lonxas galegas no 2014, na comarca do Barbanza descargáronse máis de 58.000 toneladas.

En canto á facturación, a produción mexilloeira do Barbanza supuxo un valor superior aos 25 millóns de euros e a de Galicia acadou un valor próximo aos 100 millóns de euros. Este peso do sector miticultor, dixo Rosa Quintana, fai que teña a consideración de eido estratéxico da nosa produción primaria. De feito, a produción de mexillón en Galicia representa o 95% do total do volume da acuicultura galega.

Durante a visita, Rosa Quintana, sinalou que empresas como Barrañamar engaden valor a este molusco, “moi característico de Galicia e da ría de Arousa en particular e que á súa vez move á industria transformadora asentada na zona”. Esta empresa constituíse no 2001 e ofrece mexillóns cocidos e conxelados das rías galegas e tamén mexillón media cuncha. Este ano, o cocedoiro Barrañamar recibiu para a súa actividade máis de 7.600 toneladas de mexillón.

Lei de acuicultura de Galicia

Un dos pasos fundamentais de apoio á acuicultura e en concreto ao sector do mexillón é a futura Lei de Acuicultura de Galicia, da que recentemente o Consello da Xunta aprobou a tramitación do anteproxecto. Esta norma permitirá apoiar ao sector miticultor desde o eido normativo dando rango de lei a moitas actividades que teñen carácter específico desta actividade coma o chicoteo (técnica empregada na primeira fase do cultivo dos moluscos bivalvos en batea) ou o reparqueo.

11 de novembro de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.