Máis de 600 maiores participan nos talleres do programa de dinamización social de Riveira
Máis de 600 veciños do municipio principiarán este luns un novo curso dos obradoiros incardinados no Programa de Dinamización Social dos nosos Maiores: unha iniciativa promovida pola Concellería de Servizos Sociais e Promoción Social do Concello de Riveira que integrará catro tipos de talleres e involucrará ás nove parroquias.
Os obradoiros de estimulación cognitiva (tamén chamados talleres de memoria) terán lugar nas nove parroquias do concello, distribuídos en 15 grupos: 4 en Santa Uxía, 2 en Palmeira e 1 en cada unha do resto parroquias.
Así mesmo, haberá ximnasia de mantemento en Riveira (3 grupos repartidos no colexio O Grupo, IES Número 1 e A Fieiteira), Aguiño, Palmeira, Corrubedo e Artes (un cada un). Cabe a posibilidade de ampliar esta actividade a calquera das demais parroquias sempre que haxa quorum suficiente.
Unha terceira acción son os cursos de galego centralizados en Riveira e, por último, Santa Uxía, Aguiño, Palmeira e Oleiros darán cabida a obradoiros de reforzo educativo.











