Comezan as obras de pavimentación e renovación de servizos na rúa Vella de Palmeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O Concello de Riveira informa de que esta semana deu comezo unha nova actuación consistente na pavimentación e renovación de servizos na rúa Vella, situada na localidade de Palmeira.

A empresa encargada de acometer estas obras é Construcciones Oñial, SL.. O importe da actuación ascende a 54.997 euros, IVE incluído, e o prazo de execución son tres meses.

O proxecto técnico elaborado polos servizos municipais inclúe a renovación da rede de pluviais dispoñendo polo centro da rúa un colector de PVC corrugado de 315 milímetros de diámetro e construíndo arquetas sumidoiro nun caz de formigón prefabricado no centro da calzada. Ademais, nos cruces de colectores situaranse pozos de rexistro e realizaranse acometidas de pluviais das vivendas. A rede de pluviais existente renovarase substituíndo as arquetas sumidoiro por outras novas.

En canto á rede de saneamento, que terá unha lonxitude de 37 metros, instalarase no cruce desta vía coa rúa do Norte e descorrerá paralela a un pequeno regato existente na zona. Instalarase unha tubaxe de 315 milímetros de diámetro e colocaranse pozos de rexistro. 

Polo que respecta á rede de auga potable, cómpre indicar que se realizarán reformas substituíndo válvulas e arquetas existentes e que están en estado deficitario. 

Con respecto á pavimentación, empregaranse materiais semellantes aos das rúas da contorna, utilizando adoquín prefabricado de formigón en cores gris e verde colocados sobre morteiro de cemento.

19 de novembro de 2015 | 11:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.