publicidade hoxe

A Xunta realizará unha proba da serea do plan de emerxencia exterior de Syngenta, situada entre Mos e O Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosO Porriño
A-
A+

O xoves día 12 de novembro ás 11:00 horas, a Xunta de Galicia realizará unha proba da súa serea do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) da empresa Syngenta, ubicada entre os termos municipais de O Porriño e Mos, que servirá para avaliar o seu correcto funcionamento e así dar a coñecer o seu son aos cidadáns.

A Xunta de Galicia procedeu estes días a un reparto de información co buzoneo de notas informativas e trípticos entre os veciños da zona susceptibles de verse afectados avisando de que se trata soamente dunha proba da serea que, no caso dunha activación real do Plan de Emerxencia Exterior (PEE) da empresa, actuaría como elemento de aviso á poboación.

Dende a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior recordan tamén as medidas a levar a cabo en caso de dita activación sinalando ademais que esta proba non afectará en absoluto á actividade diaria dos veciños especificando que poderán continuar coa súa rutina sen problema algún. “Máis alá das sinais acústicas e dunha maior presenza dos servizos de emerxencia e seguridade no entorno do polígono, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto e poderán continuar coa súa rutina”, explícase nas notas informativas que se repartiron entre os veciños da zona.

Simulacro

A Xunta de Galicia xa levou a cabo, hai máis dun ano, un exercicio de simulacro do PEE de Syngenta que consistiu nun incendio duns palés de madeira orixinado polo derrame dun bidón de metil. De xeito inmediato, a empresa activou o seu Plan de Emerxencia Interior coa participación da súa brigada de intervención e a Xunta de Galicia activou o PEE coa mobilización dos efectivos de bombeiros do Porriño, Garda Civil, Policía Autonómica, Policía Local e voluntarios de Protección Civil do Porriño e de Mos. Tamén contou con persoal sanitario do 061, a Área de Xestión Integrada de Vigo e o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE).

Naquela ocasión xa se activara por primeira vez a serea de aviso para familiarizar á poboación co seu son e para que a cidadanía sexa capaz de identificalo no caso hipotético de activación do plan. O día 12, esta sinal acústica volverá a soar coa mesma finalidade.

Aposta pola prevención

A Xunta de Galicia quere salientar así a importancia que teñen este tipo de exercicios xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso de un incidente, ademais da necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Quérese destacar tamén a importancia da aposta pola prevención como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Os plans de emerxencias teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industrias e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

As normativas europea (directiva SEVESO) e estatal obrigan ás administracións públicas a elaborar e implantar planes de emerxencia nas instalacións que almacenan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades umbrais.

10 de novembro de 2015 | 18:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.